Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Obxectivo

Definición:

(adx.) Neutro, que non se deixa influír por criterios, opinións ou sentimentos persoais. Así, dise que un informe, valoración ou avaliación é obxectiva.

1. (n.) Fin ou fins que ha de alcanzar un determinado currículo de lingua baseado no que se especificou tras a análise de necesidades. Pódense distinguir dous tipos de obxectivos, entendidos como a finalidade que se pretende conseguir no proceso de adquisición dunha lingua estranxeira:

  1. Obxectivos xerais, que son as metas, no sentido amplo da palabra, que se establecen á hora de ensinar unha determinada lingua estranxeira nun determinado nivel. Por exemplo, entre os obxectivos xerais dun curso de nivel intermedio de español como lingua estranxeira estarían ensinar ao alumno a ler e escribir en español, mellorar o coñecemento que o alumno ten da cultura española e/ou hispanoamericana, ensinar ao alumno a comunicarse en español, etc.
  2. Obxectivos específicos, que son descricións detalladas do que se espera que sexa capaz de facer o alumno ao finalizar unha determinada actividade ou unha lección ou, ata, unha vez rematado o curso. Por exemplo, entre os obxectivos específicos dun curso de nivel inicial de español estarían ser quen de saudar e comunicarse con outras persoas en intercambios sociais sinxelos, ser quen de realizar transaccións sinxelas en tendas, bancos ou oficinas, etc.

É posible facer unha clasificación dos obxectivos específicos se temos en conta a conduta dos discentes, as destrezas lingüísticas e os contidos. Os obxectivos específicos serán, polo tanto, de tres tipos:

  1. Obxectivos de conduta. Especifican con claridade os procesos ou habilidades lingüísticas que se esperan do discente tras o curso. Así, por exemplo, nun curso de francés como lingua estranxeira de nivel elemental, un de tales obxectivos sería o seguinte: Como resposta a unha pregunta formulada oralmente, o discente será capaz de dicir e deletrear o seu nome, enderezo e número de teléfono a un/ha falante nativo/a de francés.
  2. Obxectivos baseados en destrezas. Especifican a aptitude do discente en determinadas destrezas lingüísticas (lectura, expresión escrita, etc.) e subdestrezas. Así, para a comprensión oral para fins académicos dunha clase de historia poderían sinalarse os seguintes obxectivos:
    1. identificar o sentido xeral e o alcance da sesión;
    2. identificar o desenvolvemento dos distintos temas tratados;
    3. identificar as relacións que se establecen entre as unidades dentro do discurso (ideas fundamentais, xeneralizacións, hipóteses de partida, exemplificacións, etc.);
    4. recoñecer elementos léxicos clave sobre os temas tratados na sesión.
  3. Obxectivos baseados en contidos: especifican os contidos lingüísticos, nocións e funcións a tratar no programa de estudos.

Doutra banda, tamén se ten feito unha distinción entre dous tipos de obxectivos segundo o período de tempo en que están vixentes: obxectivos a curto prazo (en inglés, short-term targets or aims) e obxectivos a longo prazo (en inglés, long-term targets or aims).

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Richards, J. C. 1990. The Language Teaching Matrix. New York: Cambridge University Press.

Willis, J. 1981. Teaching English through English: A Course in Language Classroom and Techniques. Harlow: Longman, 1987.

2. (n.) En investigación lingüística / educativa fálase de obxectivos no sentido da finalidade última do proxecto que se pretende levar a cabo. Así, por exemplo, poderíase dicir, ao falar dunha investigación en concreto, que o obxectivo é obter información sobre as preferencias do alumno en relación cos libros de texto e outros materiais didácticos que se están utilizando para o ensino do francés no nivel de secundaria en España.

Bibliografía: 

Alcaraz Varó, E. 1990. Tres paradigmas de la investigación lingüística. Alcoy: Marfil.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Objetivo
Inglés: 
Objective
Francés: 
Objectif
Alemán: 
Objektiv
Italiano: 
Obiettivo
Polaco: 
Cel/Obiektyw
Portugués: 
Objetivo
Ruso: 
Цель
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/obxectivo, con data de acceso 24/09/2023).