Bolívar Botía, A. 1992. Los contenidos actitudinales en el currículo de la reforma. Problemas y propuestas. Madrid: Escuela Española.
Nun sentido xeral os contidos curriculares son unha selección de coñecementos de diversa natureza que se consideran fundamentais para o desenvolvemento e a socialización dos alumnos, e cuxa asimilación non pode realizarse de forma plena e correcta sen unha axuda específica. Xeralmente, estes contidos son organizados e ordenados nos programas correspondentes.
Cun valor máis restrinxido, os contidos obxecto de ensino e aprendizaxe incluídos nos novos currículos do sistema educativo español actual son de varios tipos: conceptuais (feitos e conceptos), procedimentais (técnicas, habilidades ou estratexias) e actitudinais (actitudes, normas e valores).
Tradicionalmente, a planificación e intervención educativa centrábanse na aprendizaxe de conceptos, mentres que o resto dos contidos formaban parte do denominado currículo oculto (non especificado). No entanto, todos eles son igualmente importantes para o desenvolvemento das capacidades consideradas como obxectivos xerais, polo que han de traballarse conxunta e intencionadamente desde todas as áreas. Doutra banda, para que a aprendizaxe se leve a cabo de forma satisfactoria, é necesario que os contidos posúan significatividade lóxica (é dicir, que se presenten de forma clara, coherente e contextualizada, poñéndoos en relación con contidos anteriores), e tamén significatividade psicolóxica (isto é, que se adapten ao nivel de desenvolvemento cognitivo do discente e aos seus coñecementos previos).
Coll, C.; Pozo, J. I.; Sarabia, B. & Valls, E. 1992. Los contenidos en la Reforma. Enseñanza y aprendizaje de conceptos, procedimientos y actitudes. Madrid: Santillana / Aula XXI.
MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1989. Diseño Curricular Base. Educación Secundaria Obligatoria. 2 vols. Madrid: MEC.
Stoldolsky, S. 1991. La importancia del contenido en la enseñanza. Barcelona: Paidós-MEC.