Introducción

Este dicionario de ensino e aprendizaxe de linguas está concibido principalmente como un manual de referencia e consulta, dirixido de maneira especial a docentes do ámbito galego, español e latinoamericano especialistas en linguas estranxeiras de todos os niveis educativos (Primaria, Secundaria – ESO, Bacharelato – Escolas Oficiais de Idiomas e Universidade – Filoloxía, Tradución, Educación, Psicoloxía, Psicopedagoxía), aínda que os docentes de español e galego como L1 e L2 atoparán aquí tamén información de interese.

A primeira versión impresa deste dicionario foi publicada en español por parte da Editorial En CLAVE/ELE en 2007. Esta edición foi seguida doutra traducida e adaptada ao contexto galego en 2009 por parte da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Agora presentamos unha versión electrónica (1.0, febreiro de 2019) que está integrada por 1400 entradas primarias, en español e galego, ordenadas alfabeticamente, que recollen o vocabulario básico de aprendizaxe e ensino de linguas. Abarca temas relacionados co deseño e avaliación de programas e cursos de linguas, a metodoloxía do ensino de linguas, a formación do profesorado, factores e teorías de aprendizaxe, termos lingüísticos considerados básicos para docentes destas disciplinas, así como outras entradas que tratan ámbitos relacionados cos anteriores.

Este dicionario electrónico está organizado como segue:

  1. Entrada en español/galego ordenada alfabeticamente. Dentro de cada entrada inclúese: 
    1. Definición e explicación acompañadas de exemplos de distintas linguas cando se considera necesario.
    2. Entradas relacionadas no caso de que sexa pertinente.
    3. Referencias bibliográficas seleccionadas e presentadas de forma alfabética, ás que se pode acudir no caso de que se queira profundar máis.
    4. Correspondencia do termo noutras linguas: ademais de en español e galego, inclúense as correspondencias en inglés, francés, alemán e italiano. En breve estarán dispoñibles tamén as correspondencias en polaco e portugués.
  2. Apéndices de recursos en liña correspondentes a cada unha das linguas citadas (agás polaco e portugués) xunto co español como lingua estranxeira e o galego.

Este proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, foi desenvolto integramente por un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Quen consulte esta primeira versión do dicionario deberán ter en conta que se trata dun recurso en construción e, en consecuencia, poderán advertir desaxustes e carencias que se tratarán de ir corrixindo en versións posteriores.

O equipo de investigación agradece os comentarios e suxestións sobre esta versión 1.0 que contribuirán a mellorar futuras versións.