Nun sentido máis restrinxido e referido ao sistema educativo español, fálase de contidos conceptuais que veñen especificados no currículo e que son de dous tipos: feitos e conceptos. A aprendizaxe de ambos implica recoñecelos, entender o que significan e ser capaz de relacionalos para comprender outros novos.
Os feitos son datos ou informacións illadas acerca de algo (por exemplo, unha data, ou unha palabra que equivale en galego a outra nunha lingua estranxeira). O profesor pode transmitilos verbalmente ou deixar que o alumno os adquira mediante a lectura de documentos. A súa aprendizaxe é memorística, é dicir, repetitiva, polo que se esquecen facilmente se non se repasan, e o modo de avaliar a súa adquisición pode ser, por exemplo, preguntando o dato directamente, ou pedindo que se recoñeza entre outros.
Os conceptos son informacións de carácter máis complexo, xa que serven para simplificar a realidade agrupando varios obxectos baixo un só (por exemplo, o concepto de suxeito, complemento directo ou morfema). A diferenza dos feitos, os conceptos requiren unha aprendizaxe significativa, é dicir, han de aprenderse contextualizándoos e poñéndoos en relación co que xa se sabe, polo que tardan máis en esquecerse.
Para ensinalos pódese recorrer á exposición ou ao descubrimento. O primeiro método consiste en explicar o concepto de forma lóxica e coherente, achegando en primeiro lugar uns elementos organizadores, para que o alumno poida ordenar a información que se lle vai fornecer (un guión), e a continuación desenvolver a explicación, procurando relacionar os novos conceptos entre si e con conceptos previos. Convén ademais recorrer a aplicacións dos conceptos obxecto de estudo en situacións particulares, co fin de facelos intelixibles e funcionais, é dicir, que a explicación teórica debe acompañarse de exemplos que faciliten a súa comprensión.
O segundo método é de carácter hipotético-dedutivo: pártese da observación dunha situación ou dun conxunto de feitos ou datos, e a partir da mesma recoñécense regularidades, similitudes ou diferenzas. A continuación formúlase un concepto que as explique (hipótese), que se verifica con máis datos para finalmente extraer a conclusión pertinente (aprendizaxe dedutiva).
Algúns feitos e conceptos a adquirir dentro da área de Linguas estranxeiras serían, por exemplo, vocabulario relativo a temas cotiáns (relacións familiares, traballo, lecer, alimentación, etc.), información referente á estrutura sintáctica dunha oración (suxeito, predicado, complementos, etc.), ou información sobre os tipos e características xerais dos fonemas na L2.