Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Guión

Definición:

Tamén marco, esquema ou escenario

1. En psicoloxía cognitiva emprégase este termo (Schank e Abelson, 1977) para referirse aos constructos mentais, creados de acordo con experiencias previas e formados por un conxunto de roles e conceptos prototípicos, que serven ao individuo para organizar e estruturar o seu coñecemento da realidade. Os roles e conceptos incluídos nun guión posúen uns trazos semánticos determinados e asociados entre si, pertencendo polo xeral ao mesmo campo conceptual e están conectados entre si mediante relacións de sinonimia, antonimia ou reciprocidade. En función do coñecemento que todo individuo ten do guión dunha situación concreta, élle posible comportarse de xeito adecuado a ela e entender as causas e o desenvolvemento da secuencia de sucesos. Os guións só son comprensibles dentro dun contexto cultural determinado e varían (en parte ou na súa totalidade) dunha cultura a outra; por iso é necesario que un falante saiba cales son os aspectos que implica o guión dunha situación comunicativa determinada para poder interpretala. O coñecemento cultural implícito nun guión, no caso de quen están aprendendo unha segunda (ou terceira) lingua, é fundamental e ha de impartirse como un contido máis dentro do programa de estudos se é necesario.

O exemplo de guión manexado por Schank e Abelson (1977) é o “guión dun restaurante”. Consiste no coñecemento dos feitos que teñen lugar nun restaurante e das pautas de conduta (verbal e non verbal) relevantes e adecuadas nese contexto. Así pois, un falante sabe que un restaurante é un local onde se serve comida aos clientes, e onde os clientes sentan á mesa, piden a comida que aparece nun menú, comen, pagan a conta e vanse, e no que os cociñeiros, camareiros e o resto do persoal que traballa no restaurante encárgase de preparar, servir a comida e fregar os pratos ou limpar o local. Coñecer este guión permite entender secuencias do tipo: Juan tiña fame. Entrou nun restaurante. Ás oito da tarde, pagou e foise. Feitos como Juan sentou á mesa / déronlle mesa, trouxéronlle o menú, pediu a comida, o camareiro tróuxolla e comeu non se mencionan, pero o coñecemento que o receptor da mensaxe ten do guión dun restaurante, é dicir, a secuencia normal de acontecementos nesta situación, proporciónalle esta información. 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Hatch, E. M. & Brown, C. 1995. Vocabulary, Semantics and Language Education. Cambridge: Cambridge University Press.

Schank, R. C.& Abelson, R. P. 1977. Scripts, Plans, Goals and Understanding. Hillsdale, NJ: Lawrence Erlbaum, 1977.

2. Esbozo ou esquema previo ao desenvolvemento dunha composición escrita ou oral. Normalmente nun guión recóllense os puntos ou ideas principais ao redor das cales se articulan todas as restantes.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Hedge, T. 1988. Writing. Oxford: Oxford University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Guión
Inglés: 
Script (1) / Outline (2)
Francés: 
Scénario (1) / Schéma (2)
Alemán: 
Script (1) / Gliederung (2)
Italiano: 
Scenario (1) / Abozzo (2)
Polaco: 
Scenariusz/ Zarys
Portugués: 
Guião
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/guion, con data de acceso 06/12/2024).