Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Asociación de palabras

Definición:

Relacións que se establecen entre palabras pertencentes a un mesmo sistema lingüístico. O modo en que as palabras se asocian entre elas inflúe na aprendizaxe e memorización das mesmas. A asociación de palabras estúdase dentro da semántica, a teoría de estudo verbal e a psicolingüística.

En lingüística, a asociación de palabras pode ser paradigmática ou sintagmática. As relacións paradigmáticas teñen lugar entre palabras pertencentes á mesma categoría gramatical e polo tanto atópanse en oposición paradigmática, é dicir, a aparición dunha delas nunha función determinada dentro dunha unidade de rango superior exclúe a aparición de calquera outra palabra pertencente á súa mesma clase. Existen distintos tipos de relacións paradigmáticas como, por exemplo, a antítese (good-bad, agradable-desagradable, etc.) ou a sinonimia (small-little, sacar-quitar, etc.). As relacións sintagmáticas teñen lugar entre clases de palabras heteroxéneas e, ao contrario que as paradigmáticas, non son relacións excluíntes. Exemplos de relacións sintagmáticas entre palabras son: animal, big, strange, soon, etc.; animal, grande, estraño, pronto, etc.

En psicolingüística, este termo refírese á conexión ou conexións que establece un individuo entre unha determinada palabra-estímulo e outras palabras que o devandito estímulo lle suxire, así como ao método experimental que estuda este tipo de asociacións co fin de analizar a relación existente entre a linguaxe e os procesos psicolóxicos do individuo. Un campo asociativo está formado por un conxunto de palabras relacionadas dalgún modo entre si (ben sexa mediante asociacións de tipo conceptual, formal ou sonoro), e non ten por que coincidir cun campo léxico específico da lingua.

En experimentos e exames de asociación de palabras, pídese ao estudante que responda a unha palabra ou palabras estímulo con outra ou outras que ese estímulo lle suxira. A seguinte é unha asociación de palabras típica entre estudantes norteamericanos:



Palabra

Resposta

Accident/“Accidente”

Car/“Coche”

Airplane/“Avión”

Fly/“Voar”

American/“Americano”

Flag/“Bandeira”

Baby/“Bebé”

Child/“Neno”

Depression/“Depresión”

Recession/“Recesión”

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Lyons, J. 1981b. Language, Meaning and Context. London: Fontana.

Putnam, H. 1984. El significado de significado. México: Universidad Nacional Autónoma, Instituto de Investigaciones Filosóficas.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Asociación de palabras
Inglés: 
Word association
Francés: 
Association de mots
Alemán: 
Wortassoziation
Italiano: 
Associazione di parole
Polaco: 
Skojarzenie słów
Portugués: 
Associação de palavras
Ruso: 
Ассоциации
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/asociacion-palabras, con data de acceso 10/12/2024).