Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Procedemento

Definición:

De acordo con Richards e Rodgers (1986), trátase dun dos niveis nos que se concreta un método de ensino de linguas, xunto cos de enfoque e deseño. Engloba as técnicas, prácticas e actividades integradas en leccións que teñen lugar no día a día de acordo cunha metodoloxía concreta. Especificamente, ocúpase do seguinte:

  1. os recursos de tempo, espazo e equipamento utilizados polo docente;
  2. os distintos tipos de interacción na aula entre docente e discentes, así como entre os propios discentes; e, para rematar,
  3. as estratexias e técnicas utilizadas tanto por docentes como por discentes na aplicación dun método de ensino.

Por exemplo, seguindo un método audiolingüe, seguiranse procedementos como os seguintes:

  1. os estudantes escoitan primeiro un diálogo modelo que contén as estruturas gramaticais que son o foco da lección;
  2. os estudantes, primeiro en conxunto e logo individualmente, repiten cada unha das liñas do diálogo prestando atención á pronuncia, entoación e fluidez; o docente corrixe os erros a medida que van xurdindo;
  3. selecciónanse estruturas lingüísticas relevantes do diálogo e utilízanse como base para actividades de distinto tipo, primeiro con todos os estudantes e logo cada un individualmente, etc.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.

Sánchez Pérez, A. 2009. La enseñanza de idiomas en los últimos 100 años. Métodos y Enfoques. Madrid: SGEL.

Os contidos procedementais son conxuntos de accións ordenadas e encamiñadas cara á resolución dun problema ou á consecución dun fin. Trátase de habilidades ou técnicas que se pretende que o alumnado aprenda a utilizar recorrendo a métodos diversos. A aprendizaxe de procedementos considérase importante porque non só é necesario que o alumnado posúa certa información, senón tamén que saiba operar con esa información, é dicir, que sexa capaz de facer cousas ou actuar sobre elas, organizándoas, transformándoas, representándoas ou producíndoas.

Algúns contidos procedementais especificados no currículo para a área de Linguas Estranxeiras son, por exemplo, a utilización de certas estratexias lingüísticas na comunicación oral e escrita (como recorrer a sinónimos ou á descrición dunha palabra que se descoñece).

A avaliación dos procedementos pode realizarse de distintos xeitos como, por exemplo, pedindo ao estudante que aplique un determinado procedemento nunha situación particular (no exemplo anterior, podería pedírselle que describa unha serie de palabras).

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Coll, C.; Pozo, J. I.; Sarabia, B. & Valls, E. 1992. Los contenidos en la Reforma. Enseñanza y aprendizaje de conceptos, procedimientos y actitudes. Madrid: Santillana / Aula XXI.

MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1989. Diseño Curricular Base. Educación Secundaria Obligatoria. 2 vols. Madrid: MEC.

Valls, E. 1993. Los procedimientos: Aprendizaje, enseñanza y evaluación. Barcelona: Horsori.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Procedimiento
Inglés: 
Procedure
Francés: 
Procédure
Alemán: 
Unterrichtstechnik
Italiano: 
Procedura
Polaco: 
Procedura
Portugués: 
Procedimento
Ruso: 
Процедура / Процесс
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/procedemento, con data de acceso 10/12/2024).