Bolívar Botía, A. 1992. Los contenidos actitudinales en el currículo de la reforma. Problemas y propuestas. Madrid: Escuela Española.
Unha actitude é unha predisposición da conduta con relación a unha persoa, un colectivo, un obxecto ou un fenómeno. Nunha actitude distínguense tres elementos:
- un compoñente cognoscitivo (xa que para que se cree unha actitude é necesario coñecer primeiro a existencia do obxecto ou fenómeno);
- un compoñente afectivo (a predisposición pode ser a favor ou en contra); e
- un compoñente de conduta (en consonancia co coñecemento e a predisposición, prodúcese un comportamento).
Algúns tipos de deseños curriculares como o deseño curricular base (DCB) do ensino no noso país inclúen contidos actitudinais que se deben transmitir no proceso de ensino-aprendizaxe. O DCB distingue tres tipos de contidos actitudinais. O primeiro deles son as actitudes propiamente ditas. Os outros dous son as normas e os valores. As normas son patróns de conduta aceptados polos membros dunha comunidade ou grupo social; son, xa que logo, relativas, non universais. Finalmente, os valores son principios éticos con respecto aos cales un individuo se compromete emocional e persoalmente. Para ensinar os contidos actitudinais pódese recorrer, por exemplo, a discusións ou debates en grupo sobre determinados feitos ou situacións, a dramatizacións ou a exposicións en público sobre un tema. Algúns contidos actitudinais contemplados na área curricular de linguas estranxeiras no nivel de ensino secundario son, por exemplo, estimular o interese polo coñecemento e uso correcto dunha lingua estranxeira, fomentar o respecto e tolerancia cara a outras culturas e formas de vida, ou asimilar e valorar comportamentos que faciliten as relacións interpersoais. Con respecto á avaliación da aprendizaxe de actitudes, pódense utilizar enquisas ou escalas de actitudes que traduzan verbalmente as devanditas predisposicións ou comportamentos.
Bolívar Botía, A. 1995. La evaluación de valores y actitudes. Madrid: Anaya.
Coll, C.; Pozo, J. I.; Sarabia, B. & Valls, E. 1992. Los contenidos en la Reforma. Enseñanza y aprendizaje de conceptos, procedimientos y actitudes. Madrid: Santillana / Aula XXI.
MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1989. Diseño Curricular Base. Educación Secundaria Obligatoria. 2 vols. Madrid: MEC.