Johnson, K. (ed.) 1989. The Second Language Curriculum. Cambridge: Cambridge University Press.
Primeiro nivel de concreción no que se articula o currículo no noso país. Elaborado polo Ministerio de Educación e Ciencia, o DCB complétase coas propostas das comunidades autónomas con competencias educativas. Trátase dun documento no que se expoñen de forma aberta e flexible as intencións do sistema educativo, á vez que se orienta sobre a práctica do ensino, é dicir, sobre o plan de acción a seguir nos dous seguintes niveis de concreción (o proxecto curricular de centro (PCC) e as programacións de aula). No entanto, posúe tamén un carácter prescritivo, xa que as sucesivas concrecións deben axustarse ás súas directrices.
O DCB componse dos seguintes elementos: obxectivos xerais de cada etapa educativa (educación infantil, primaria e secundaria); definición de áreas curriculares, obxectivos de área e bloques de contido de cada área (estes últimos comprenden contidos conceptuais –feitos e conceptos– procedimentais, e actitudinais –actitudes, normas e valores–; finalmente, o DCB proporciona tamén orientacións didácticas e orientacións para a avaliación. Por exemplo: no DCB establécese que a área de Linguas estranxeiras será obrigatoria a partir do primeiro ciclo da educación primaria, e en toda a ESO, sendo así mesmo común e obrigatoria no Bacharelato. A comprensión de mensaxes orais nunha lingua estranxeira en situacións cotiás é un dos obxectivos xerais da área dentro da etapa. Os bloques de contido da área son tres:
- usos e formas da comunicación oral e escrita;
- reflexión sobre a lingua; e
- aspectos socioculturais.
En cada bloque descríbense á súa vez obxectivos particulares e contidos obxecto de ensino e aprendizaxe. Por exemplo, no segundo bloque menciónanse contidos de tipo conceptual (os elementos formais dun texto escrito, tales como os signos de puntuación), procedementos (a extracción de información implícita nun texto escrito) e actitudes (interese por realizar intercambios comunicativos escritos na lingua estranxeira). Dentro das orientacións didácticas, o DCB proporciona suxestións sobre o deseño de tarefas no ensino de idiomas (por exemplo, a utilización de documentos auténticos), ou sobre o papel do profesor e do alumno. Para rematar, dentro das orientacións para a avaliación, expóñense algunhas características das probas (por exemplo, a necesidade de contextualización) e criterios de corrección (nunha proba oral pódese establecer unha escala do 1 ao 5, onde o 5 corresponda a unha expresión correcta e fluída, rapidez de resposta, capacidade de improvisación e boa pronuncia).
MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1991. El Sistema Educativo Español. Madrid: CIDE-MEC.
MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1992. Lenguas Extranjeras (Secundaria Obligatoria). Madrid: MEC.
Zanón Gómez, J. 1993. Claves para la Enseñanza de la Lengua Extranjera (Segundo Ciclo de Primaria). Madrid: MEC.
Zaro, J. J. 1996. “Syllabus design and Implications for Teaching Units”, en McLaren, N. y Madrid, D. (eds.), 1996, pp. 161-186.