Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Educación Primaria

Definición:

No sistema español establecido pola LOXSE, é a etapa educativa que abarca desde os 6 ata os 12 anos, e que constitúe, xunto coa Educación Secundaria Obrigatoria, os dez cursos de ensino básico, obrigatorio e común para todo o alumnado.

A Educación Primaria divídese en tres ciclos (⇒ ciclo) de dous cursos académicos cada un. Tanto na Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE) como na posterior Lei Orgánica de Educación (LOE) contémplase a iniciación do alumnado á comprensión e expresión oral e escrita dunha lingua estranxeira xa desde o primeiro curso do primeiro ciclo da Educación Primaria. Porén, os obxectivos (⇒ obxectivo 2) e contidos para a etapa limítanse á comprensión e produción de mensaxes curtas, simples e contextualizadas, adaptando os temas á idade, experiencias e intereses do alumnado. Deste xeito, por exemplo, procurarase que o estudante sexa capaz de identificar os sons e a grafía do idioma estranxeiro, que adquira un léxico elemental sobre determinadas áreas (números, cores, familia, comida), ou que desenvolva unha actitude receptiva e interesada cara á lingua.

LOMCE mantén os obxectivos xerais da etapa pero introduce unha serie de cambios, desaparecendo a división en ciclos e dividíndose a área de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural en dúas áreas: Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais. A Primeira Lingua Estranxeira continúa a ser área obrigatoria desde o primeiro curso, así como Relixión ou Valores Sociais e Cívicos (unha destas últimas é tamén obrigatoria en Educación Secundaria). A área de Segunda Lingua Estranxeira poderá ser tamén ofertada polos centros. Segundo dispoñan as administracións educativas, os centros docentes realizarán unha proba ao alumnado ao rematar o terceiro curso de primaria, na que se avaliarán a expresión e comprensión oral e escrita (competencia en comunicación lingüística) e o cálculo e a resolución de problemas (competencia matemática). De obterse resultados desfavorables, o equipo docente tomará as medidas ordinarias ou extraordinarias oportunas. Tamén se realizará outra proba individualizada ao rematar o sexto curso, cuxos criterios de avaliación serán establecidos polo Goberno e as comunidades autónomas. Na devandita proba comprobarase o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como a consecución dos obxectivos da etapa. O resultado da avaliación expresarase en niveis e terá carácter informativo e orientador para alumnado, centros e familias.

⇒ tamén Deseño Curricular Base (DCB), Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Lei Xeral de Educación (LXE), LOXSE, Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE)Lei Orgánica de Educación (LOE)Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Ley Orgánica 1/1990, de 3 de octubre de 1990, de Ordenación General del Sistema Educativo, BOE núm 238, 04/10/1990.

Ley Orgánica 10/2002, de 23 de diciembre, de calidad de la educación. BOE núm. 307, 24/12/2002.

Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de educación. BOE núm. 106, 04/10/2006.

Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la mejora de la calidad educativa, BOE núm. 295, 10/12/2013.

MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1990b. Diseño Curricular Base. Educación Primaria. Madrid: MEC.

Real Decreto 126/2014, de 28 de febrero, por el que se establece el currículo básico de la Educación Primaria. 

Rey Chao, M. A. 1991. A Reforma educativa: Contribución a un debate. Santiago de Compostela: Tórculo Edicións.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Educación Primaria
Inglés: 
Primary education
Francés: 
Éducation primaire
Alemán: 
Primarstufe
Italiano: 
Istruzione di primo grado
Polaco: 
Edukacja podstawowa
Portugués: 
Ensino básico
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/educacion-primaria, con data de acceso 19/04/2024).