Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)

Definición:

Lei educativa promulgada no ano 2013 que sucede á denominada Ley Orgánica de Educación (LOE), modificando determinados aspectos da mesma. Estes cambios non afectan á etapa de Educación Infantil, que continúa coas mesmas características que tiña  na LOE e a LOXSE. Na Educación Primaria desaparecen os ciclos, e a área de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural divídese en dúas: Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais. A Primeira Lingua Estranxeira segue a ser área obrigatoria, e tamén Relixión ou Valores Sociais e Cívicos (unha de estas dúas é tamén obrigatoria en Educación Secundaria). A área de Segunda Lingua Estranxeira poderá ser tamén ofertada polos centros. Segundo dispoñan as administracións educativas, os centros docentes realizarán unha proba ao alumnado ao rematar o terceiro curso de primaria, na que se avaliarán a expresión e comprensión oral e escrita (competencia en comunicación lingüística) e o cálculo e a resolución de problemas (competencia matemática). De obterse resultados desfavorables, o equipo docente tomará as medidas ordinarias ou extraordinarias oportunas. Tamén se realizará outra proba individualizada ao rematar o sexto curso, cuxos criterios de avaliación serán establecidos polo Goberno e as comunidades autónomas. Na devandita proba comprobarase o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como a consecución dos obxectivos da etapa. O resultado da avaliación expresarase en niveis e terá carácter informativo e orientador para alumnado, centros e familias.

A etapa da Educación Secundaria Obrigatoria organízase en materias e comprende dous ciclos, o primeiro de tres cursos e o segundo de un. No cuarto curso existen dúas modalidades: ensinanzas académicas e ensinanzas aplicadas. A primeira lingua estranxeira é materia troncal nas dúas opcións e en todos os cursos. Unha segunda lingua estranxeira forma parte do catálogo de materias específicas das que o alumnado deberá cursar un mínimo de unha e un máximo de catro. Ao rematar o cuarto curso, o alumnado realizará unha avaliación individualizada pola opción de ensinanzas académicas ou pola de ensinanzas aplicadas. Nesta avaliación final, cuxos contidos establecerá o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD), comprobarase a consecución dos obxectivos da etapa e o grao de adquisición das competencias correspondentes. Obterá o Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria o alumnado que supere as probas específicas das materias da etapa e a avaliación final. Mantéñense as medidas de atención á diversidade previstas na LOE; porén, establécense programas para a mellora da aprendizaxe no primeiro ciclo da ESO e desaparecen os programas de cualificación profesional inicial (PCPI), sendo estes reemplazados pola Formación Profesional Básica, ciclos de dous años de duración dentro dos cales a lingua estranxeira é unha materia obrigatoria pertencente ao bloque de Comunicación e Ciencias Sociais. Os alumnos que superen un ciclo de Formación Profesional Básica recibirán un Título Profesional Básico, co que poderán acceder a ciclos de Formación Profesional de grao medio ou á proba para a obtención do Título de Graduado en ESO.

Os estudos de Bacharelato (Educación Secundaria Post-obrigatoria) continúan con tres modalidades (Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais, e Artes), e coa Primeira Lingua Estranxeira como materia troncal en todas elas e unha Segunda Lingua Estranxeira como optativa. No ensino de linguas estranxeiras priorizarase a comprensión e a expresión oral. Ao rematar esta etapa o alumnado realizará unha avaliación individualizada con obxectivos similares aos da etapa anterior, e cuxas características e criterios de avaliación establecerá tamén o MECD. A avaliación final do Bacharelato e as cualificacións obtidas nas materias da etapa ponderaranse cun 40% e un 60% respectivamente para a obtención do Título de Bacharel, e sen avaliación final será tamén posible acceder a ciclos formativos. As universidades poderán admitir ao alumnado que teña o Título de Bacharel ou establecer avaliacións específicas.

Os ciclos formativos de grao medio e grao superior non experimentan cambios sustanciais coa LOMCE. Porén, nos ciclos formativos de grao medio, para facilitar a transición cara a outras ensinanzas poderanse ofertar ao alumnado materias voluntarias, entre as que se atopa “Comunicación en lingua estranxeira”.

Polo que respecta ás ensinanzas impartidas nas Escolas Oficiais de Idiomas, estas organizanse en tres niveis: básico, intermedio e avanzado, que se corresponden cos niveis A, B e C do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas, e se subdividen nos niveis A1, A2, B1, B2, C1 y C2.

Para rematar, outros aspectos importantes da Lei refírense á autonomía dos centros, á autoridade pública do profesorado, ás competencias do consello escolar e ao procedemento de selección da dirección de centros.

Bibliografía: 

Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la mejora de la calidad educativa, BOE núm. 295, 10/12/2013.

Real Decreto 1105/2014, de 26 de diciembre, por el que se establece el currículo básico de la Educación Secundaria Obligatoria y del Bachillerato. 

Real Decreto 126/2014, de 28 de febrero, por el que se establece el currículo básico de la Educación Primaria. 

Real Decreto 127/2014, de 28 de febrero, por el que se regulan aspectos específicos de la Formación Profesional Básica de las enseñanzas de formación profesional del sistema educativo, se aprueban catorce títulos profesionales básicos, se fijan sus currículos básicos y se modifica el Real Decreto 1850/2009, de 4 de diciembre, sobre expedición de títulos académicos y profesionales correspondientes a las enseñanzas establecidas en la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación. 

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa (LOMCE)
Ruso: 
Органический закон о повышении качества образования
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/lei-organica-mellora-calidade-educativa-lomce, con data de acceso 03/12/2024).