Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación

Definición:

Documento do Consello de Europa (2001) que proporciona unha base común para a elaboración de programas, exames e avaliación, libros de texto e guías curriculares aplicables a calquera lingua. Responde ao afán de propiciar a cooperación entre as institucións educativas europeas, proporcionar unha base sólida para o mutuo recoñecemento de certificados de linguas e axudar aos alumnos, aos profesores, aos responsables do deseño de cursos, ás entidades examinadoras e aos administradores educativos para que coordinen os seus esforzos. Estrutúrase en dúas dimensións: unha vertical, coa especificación de seis niveis diferentes de coñecemento e dominio da lingua que permiten ter unha visión xeral do progreso de cada individuo en momentos diferentes; e unha horizontal, co desenvolvemento dunha serie de categorías descritivas da lingua entendida desde o punto de vista da comunicación (contexto, ámbitos, competencias xerais e lingüísticas, actividades comunicativas da lingua, estratexias, procesos, textos e tarefas). No cruce de ambas as dimensións sitúanse as escalas de descritores, nas que se dan especificacións do que o alumno debe ser quen de facer mediante o uso da lingua. O enfoque adoptado polo documento concibe o alumno ou o usuario da lingua como un “axente social”, é dicir, como membro dunha sociedade que ten tarefas – non só relacionadas coa lingua – que ha de levar a cabo nunha serie determinada de circunstancias, nun entorno específico e dentro dun campo de acción concreto. Xa que logo, este enfoque parte da base de que os actos de fala se dan en actividades de lingua que forman parte dun contexto social máis amplo que por si só pode outorgarlles pleno sentido. Mediante este documento preténdese estimular a cooperación internacional no campo das linguas modernas, tratando de rachar calquera tipo de barreira de incomunicación ao mesmo tempo que se favorece a mobilidade dentro do territorio europeo e se facilita o recoñecemento mutuo dos títulos de cada un dos países membros. Avógase polo plurilingüismo e o pluriculturalismo, a través dos cales os cidadáns europeos poden ir adquirindo coñecementos de diversas linguas e culturas de forma global, como un todo, e dentro do seu desenvolvemento como persoas ao longo das súas vidas. Entre as ferramentas concretas para conseguir estes obxectivos destaca o portfolio europeo das linguas.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Consejo de Europa. 2001. Common European Framework of Reference for Languages: Learning, Teaching, Assessment. Cambridge: Cambridge University Press. (Existe también una traducción-adaptación española del 2002 por parte del Instituto Cervantes, publicada en Madrid por el Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, y la editorial Anaya).

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación
Inglés: 
Common European Framework of Reference for Languages: Learning, Teaching and Assessment
Francés: 
Cadre Européen commun de Référence: apprendre, enseigner, évaluer.
Alemán: 
Gemeinsamer Europäischer Referenzrahmen für Sprachen: Lernen, lehren, beurteilen
Italiano: 
Quadro comune europeo di riferimento per le lingue: apprendimento, insegnamento e valutazione
Polaco: 
Europejski System Opisu Kształcenia Językowego: Uczenie się, Nauczanie i Ocena
Portugués: 
Quadro Europeu Comum de Referência para as Línguas: Aprendizagem, Ensino, Avaliação
Ruso: 
Общеевропейские компетенции владения иностранным языком: изучение, преподавание, оценка
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/marco-europeo-comun-referencia-linguas-aprendizaxe-ensino-avaliacion, con data de acceso 25/04/2024).