Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Escala de descritores

Definición:

Listado de especificacións de carácter graduado (de aí o nome de escala) referido aos coñecementos ou actuacións do alumnado no uso da lingua estranxeira. Xeralmente as escalas de descritores están relacionadas con diversos niveis de dominio lingüístico e empréganse fundamentalmente á hora de deseñar cursos e programas, así como na descrición do sistema de criterios de avaliación adoptado.

O marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación persegue como un dos seus obxectivos principais axudar aos usuarios a describir os niveis de dominio lingüístico esixidos polos exames e programas de avaliación existentes, co propósito de facer máis fácil a tarefa de comparar e convalidar os distintos sistemas de certificacións e exames. Para iso establécense unha serie de niveis comúns de referencia que se describiron en función dun conxunto de descritores ilustrativos. Estes descritores están referidos ás seguintes tres categorías: actividades comunicativas, estratexias e competencias comunicativas. Con respecto ás actividades comunicativas, preséntanse descritores do que “pode facer” o usuario da lingua en canto á comprensión, a interacción e a expresión. Os descritores que se centran nas estratexias tamén toman como referencia o que é capaz de facer o alumnado en relación con algunhas estratexias que se utilizan na realización de actividades comunicativas. Para rematar, os descritores das competencias comunicativas preséntanse de forma graduada para distintos elementos da competencia lingüística, da competencia pragmática e da competencia sociolingüística.

Todos estes descritores son de carácter global e foron confrontados cos distintos niveis comúns de referencia. Por outra banda, intentouse que fosen breves na súa formulación, así como claros e transparentes. En todos os casos tívose como punto de partida o que “pode facer” o aprendiz, é dicir, a súa formulación sempre é positiva.

Por outra banda, realizouse unha distinción funcional entre tres tipos de escalas da lingua, tendo en conta o destinatario das mesmas: escalas centradas no usuario, escalas dirixidas aos examinadores e escalas centradas nos responsables de confeccionar as distintas probas.

As escalas centradas no usuario proporcionan información sobre os comportamentos típicos ou probables do alumnado en calquera nivel concreto. Por exemplo: “Consegue comunicarse en tarefas e situacións sinxelas. Coa axuda dun dicionario pode comprender mensaxes de forma sinxela e sen dicionario pode comprender o esencial”.

As escalas centradas no examinador regulan o proceso de avaliación. A avaliación é entendida en termos sumativos e avalía o dominio lingüístico do alumnado nunha actuación concreta. Estas especificacións están formuladas en función da calidade da actuación esperada. Isto quere dicir que se refiren directamente ao rendemento do alumnado e indican en que medida realiza ben ou mal unha actuación concreta. Algunhas destas escalas evaluadoras son globais mentres que outras son analíticas, é dicir, se subdividen en distintos apartados.

Para rematar, as escalas concibidas para as persoas responsables do deseño de probas proporcionan pautas e guías para a confección dos exames en niveis apropiados. Estas escalas organízanse en función das tarefas concretas de comunicación que se poderían pedir ao alumnado que realiza as probas. Formúlanse sobre todo aquilo que é capaz de facer o estudante. Por exemplo: “Dá información detallada sobre a súa familia, as súas condicións de vida, os seus estudos; describe aspectos da vida diaria”.

Ademais destas tres escalas xerais, existen outras para a avaliación que realiza o profesor e para a autoavaliación do alumnado. Estas describen non só o que o aprendiz é capaz de facer, senón tamén en que medida o fai ben ou mal.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Consejo de Europa. 2001. Common European Framework of Reference for Languages: Learning, Teaching, Assessment. Cambridge: Cambridge University Press. (Existe también una traducción-adaptación española del 2002 por parte del Instituto Cervantes, publicada en Madrid por el Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, y la editorial Anaya).

Fulcher, G. 2010. Practical Language Testing. London: Hodder Education.

Harris, M. & McCann, P. 1994. Assessment. Handbooks for the English Classroom. Oxford: Heinemann

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Escala de descriptores
Inglés: 
Descriptor scale
Francés: 
Échelle de descripteurs
Alemán: 
Deskriptorungs-Skala
Italiano: 
Scala di descrittore
Polaco: 
Skala deskrypcyjna
Portugués: 
Escala de descritores
Ruso: 
Дескрипторная шкала
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/escala-descritores, con data de acceso 29/03/2024).