Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Competencia comunicativa

Definición:

Concepto desenvolvido inicialmente polo lingüista e antropólogo Dell Hymes como extensión do concepto chomskiano de competencia (lingüística ou gramatical) da gramática xenerativa, á que se engade o coñecemento das normas sociais que rexen a comunicación lingüística en cada comunidade. Ademais do coñecemento da propia lingua necesario para poder producir e entender un número infinito de oracións gramaticalmente ben formadas, a competencia comunicativa comprende tamén o saber necesario para seleccionar de entre as formas lingüísticas posibles as máis axeitadas para cada situación concreta. Este coñecemento é o que permite ao falante decidir, por exemplo, cando é adecuado formular unha pregunta directa, cal é o modo apropiado de dirixirse a un camareiro para pedir unha bebida nun bar, como é posible iniciar unha interacción intranscendente cun descoñecido, ou ata cando é apropiado gardar silencio.

No ensino de linguas o adxectivo “comunicativo” aplicado a técnicas e métodos implica, pois, unha certa énfase sobre o comportamento lingüístico adecuado en situacións concretas.

A competencia comunicativa adóitase dividir en catro competencias subxacentes: gramatical, sociolingüística, estratéxica e discursiva (Canale & Swain 1980), aos que Van Ek (1986) engade a competencia sociocultural, que consiste en saber recoñecer a validez doutras formas de categorizar e expresar a experiencia e de levar a cabo a interacción entre as persoas, e a competencia social, isto é, a familiaridade con distintas culturas e o desenvolvemento da confianza e a motivación para comunicarse con outros. Relacionado con estes últimos, cobrou relevancia tamén ultimamente o concepto de competencia intercultural (Byram, 1997), que incluiría a curiosidade, apertura e disposición para ver a cultura propia e allea sen prexuízos e así superar as barreiras culturais na comunicación.

Bibliografía: 

Byram, M. 1997. Teaching and assessing intercultural communicative competence. Clevedon: Multilingual Matters.

Canale, M. & Swain, M. 1980. "Theoretical bases of communicative approaches to second language teaching and testing." Applied Linguistics 1: 1–47. (Versión en español: "Fundamentos teóricos de los enfoques comunicativos". Signos 17: 56-61 & 18: 78-91, 1996).

Hymes, D. 1989. Foundations in Sociolinguistics: An Ethnographic Approach. Philadelphia: University of Pennsylvania.

Llobera, M., Widdowson, H. G., Hymes, D., Cots, J. M., Hornberger, N. H., Bachman, L., Canale, M. & Spolsky, B. 1995. Competencia comunicativa: Documentos básicos en la enseñanza de lenguas extranjeras. Madrid: Edelsa.

Pérez Martín, C. 1996. “Linguistic and Communicative Competence”, in McLaren, N. & Madrid, D. (eds.). A Handbook for TEFL. Alcoy: Marfil, pp. 313-343.

Van Ek, J. A. 1986. Objectives for Foreign Language Learning (Vol I.). Strasbourg: Council of Europe.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Competencia comunicativa
Inglés: 
Communicative competence
Francés: 
Compétence communicative
Alemán: 
Kommunikative Kompetenz
Italiano: 
Competenza comunicativa
Polaco: 
Kompetencja komunikacyjna
Portugués: 
Competência comunicativa
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/competencia-comunicativa, con data de acceso 10/12/2024).