Brown, G., Malmkjiaer, K. & Williams, J. 1996. Performance and Competence in Second Language Acquisition. Cambridge: Cambridge University Press.
A competencia (lingüística ou gramatical) é o coñecemento, abstracto e inconsciente, que un falante posúe da estrutura da súa propia lingua e que lle permite producir e entender un número infinito de oracións. Na dicotomía establecida por Chomsky na súa obra Aspects of the Theory of Syntax (1965), este concepto oponse ao de actuación, consistente no emprego dese coñecemento en situacións concretas. A definición de competencia é unha das nocións fundamentais na lingüística moderna e suscitou amplos debates sobre a súa natureza e os seus límites exactos. Algúns investigadores suxeriron, por exemplo, a súa ampliación para incluír nela o coñecemento necesario para producir enunciados non só gramaticalmente ben formados, senón tamén apropiados ao contexto de uso. Destas revisións xurdiron conceptos alternativos como os de competencia comunicativa, competencia discursiva, competencia pragmática, etc.
Chomsky, N. 1965. Aspects of the Theory of Syntax. Cambridge, Mass.: The MIT Press.