Lei educativa promulgada no 2020 que ten como punto de partida a Lei Orgánica de Educación (LOE) do ano 2006 establecendo características novas e incorporando algúns cambios. Con respecto á anterior Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) do 2013, a nova LOMLOE opta por obviala e rachar de cheo con ela. De acordo coa LOMLOE, o ensino básico obrigatorio e gratuíto continúa comprendendo dez anos de escolaridade, dos seis aos dezaseis anos, abarcando a Educación Primaria e a Educación Secundaria.
A Educación Infantil continúa a dividirse en ciclos. O primeiro ciclo comprende ata os tres anos e o segundo dos tres aos seis anos de idade. Entre os cambios que introduce esta nova lei, pódense salientar a inclusión da xestión emocional, o consumo responsable, a sostenibilidade e a promoción e educación para a saúde, así como a igualdade de xénero, como principios pedagóxicos desta etapa. Ademais, darase especial prioridade á detección precoz e atención temperá das necesidades específicas de apoio educativo e ao finalizar esta etapa o titor ou titora emitirá un informe sobre o desenvolvemento e necesidades de cada alumno ou alumna. Continúa a ser un obxectivo desta etapa o desenvolvemento de habilidades comunicativas en diferentes idiomas e formas de expresión promovendo unha primeira aproximación.
A Educación Primaria estrutúrase en tres ciclos de dous cursos cada un e comprende dos seis aos doce anos. Ademais, esta etapa continúa estruturándose en áreas de coñecemento, un total de seis, entre as que se integra a adquisición da lingua estranxeira. Contémplase tamén o ensino dunha segunda lingua estranxeira ou outra lingua cooficial, e no último ciclo engádese a Educación en Valores Cívicos e Éticos. A relixión será de oferta obrigatoria nos centros, pero de elección voluntaria entre o alumnado e desaparece con esta lei a obrigatoriedade de cursar unha materia alternativa. No relativo á avaliación, os centros realizarán unha avaliación de diagnóstico das competencias adquiridas polo seu alumnado no cuarto curso e só se permite repetir unha vez en toda a etapa.
A Educación Secundaria Obrigatoria consta de catro cursos que van dos doce aos dezaseis anos de idade. A lingua estranxeira é unha das materias obrigatorias en todos os cursos e a segunda lingua estranxeira ofertarase como materia optativa xunto coa cultura clásica e o desenvolvemento da competencia dixital. Para axudar á transición de Educación Primaria á Secundaria, durante os dous primeiros cursos desta última o alumnado só poderá cursar u máximo de unha materia máis que no último ciclo de Educación Primaria. Novamente, nalgún dos catro cursos o alumnado deberá cursar a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos. Repítese curso con tres ou máis materias suspensas, sempre que o equipo docente considere que o alumno ou alumna non poderá seguir con éxito o curso seguinte, podendo repetir un mesmo curso unha soa vez e dous veces como máximo ao longo do ensino obrigatorio. Todos os centros realizarán unha avaliación de diagnóstico no segundo curso. Cando o equipo docente considere que un alumno ou alumna ten maiores posibilidades de aprendizaxe e de acadar competencias de Educación Secundaria Obrigatoria nun entorno vinculado ao mundo profesional, poderá propoñer a súa incorporación a un ciclo formativo de grado básico. Ao finalizar os estudos de Educación Secundaria, obterase o Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.
Os estudos de Bacharelato (Educación Secundaria Post-obrigatoria) comprenden dous cursos (dos dezaseis aos dezaoito anos de idade) e catro modalidades (Ciencias e Tecnoloxía, Humanidades e Ciencias Sociais, Artes, e unha última modalidade Xeral) organizadas en materias comúns (Educación Física, Filosofía, Historia da Filosofía, Historia de España, Lingua Castelá e Literatura e, se a houbese, Lingua Cooficial e Literatura, e Lingua Estranxeira) e de modalidade, que pode incluír unha lingua estranxeira. Cando unha materia non exista no propio centro, o alumnado poderá cursala noutros centros ou a distancia. O alumando poderá pasar do primeiro curso ao segundo con dúas materias suspensas. Para a obtención do título será necesaria a avaliación positiva en todas as materias e se regulará, excepcionalmente, a posibilidade de titular con unha materia suspensa. O alumnado que obteña o Título de Bacharel poderá acceder aos estudos universitarios tras superar unha Proba de Acceso á Universidade.
A Formación Profesional con esta nova lei sufre algúns cambios importantes como a eliminación das restricións de idade e a creación de programas de segunda oportunidade. Deste xeito, permítese agora o acceso daqueles alumnos e alumnas que non contan co Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.
Pola súa parte, o ensino de idiomas na Escola Oficial de Idiomas non experimenta grandes cambios. Estes estudos organízanse en tres niveis (básico, intermedio e avanzado) que se corresponden cos niveis A, B e C do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas e que á súa vez se subdividen nos niveis A1, A2, B1, B2, C1 e C2.
Outros aspectos importantes da Lei refírense ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, a equidade e compensación das desigualdades en educación, a escolarización nos centros públicos e privados, a autonomía dos centros, a autoridade pública do profesorado, as competencias do consello escolar e o procedemento de selección da dirección de centros, entre outros.