Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Educación Secundaria Post-obrigatoria (ESPO)

Definición:

O ensino post-obrigatorio en España que determinou a LOXSE comprende o Bacharelato e a Formación Profesional específica (FP) de grao medio. Para acceder a calquera deles é necesario posuír o título de Graduado en Educación Secundaria. O Bacharelato consta de dous cursos (dos 16 aos 18 anos), e a súa finalidade é a de formar, orientar e capacitar ao alumnado para acceder ao ensino universitario ou á Formación Profesional específica de grao superior, ou para poder incorporarse ao mercado laboral. A LOXSE tamén estableceu catro modalidades de Bacharelato, reducidas a tres por leis posteriores (LOCE e LOE): Artes, Ciencia e Tecnoloxía, e Humanidades e Ciencias Sociais. Coa LOMCE as tres modalidades pasan a denominarse Artes, Ciencias, e Humanidades e Ciencias Sociais. Porén, a Lingua Estranxeira segue a ser una materia común en todas as modalidades. A diferenza do ensino obrigatorio, que se organiza en áreas curriculares, as modalidades do Bacharelato compóñense unicamente de disciplinas ou materias de diferentes tipos: comúns (por exemplo, a Lingua Castelá), propias da modalidade, e optativas, como por exemplo a Segunda Lingua Estranxeira. Coa LOMCE, a avaliación final do Bacharelato e as cualificacións obtidas nas materias da etapa ponderaranse cun 40% e un 60% respectivamente para a obtención do Título de Bacharel, e sen avaliación final será tamén posible acceder a ciclos formativos. A obtención do Título de Bacharel faculta para cursar a FP específica de grao superior e para acceder á Universidade. As universidades poderán admitir ao alumnado que posúa o Título de Bacharel ou establecer avaliacións específicas. 

Polo que respecta ao Bacharelato, mención especial merecen tamén os denominados Bacharelato Internacional e Bacharelato Europeo. O Bacharelato Internacional, tamén chamado Programa do Diploma do Bacharelato Internacional, é un curso pre-universitario de dous anos de duración que se imparte en tres idiomas (español, inglés e francés) en diferentes países, entre eles España, en centros de titularidade pública e privada. Este programa foi creado pola Organización do Bacharelato Internacional (OBI) que, desde a súa fundación en 1968, o empezou a introducir en diversos centros de todo o mundo. Entre as súas características destacan o fomento da adquisición e desenvolvemento da lingua, a aprendizaxe interdisciplinar, o desenvolvemento das habilidades de aprendizaxe e o traballo individual e grupal. O alumnado estuda materias pertencentes a diferentes áreas de coñecemento, incluindo linguas, humanidades, ciencia e tecnoloxía, artes e matemáticas. A parte troncal obrigatoria inclúe a elaboración dunha monografía ou traballo de investigación independente supervisada por un docente do centro. O resto de las materias organizanse en grupos, de cada un dos cales o alumnado ten que elixir alomenos unha materia. Un dos grupos está formado polas segundas linguas. Neste grupo ofértase unha grande variedade de linguas modernas ademáis de latín e grego clásico. Os cursos ofertados abranguen diferentes niveis de competencia e céntranse na aprendizaxe e o uso da lingua en contextos variados. Todas as materias avalíanse interna e externamente (exámenes finais). O alumnado que supera o programa obtén o Diploma de Bacharelato Internacional. A LOE e a LOMCE recoñecen a equivalencia entre o Título de Bacharel e o Diploma do Bacharelato Internacional. O devandito diploma permite o acceso aos estudos universitarios sen realizar a proba de selectividade.

A LOE e a LOMCE recoñecen asimesmo a equivalencia entre o Título de Bacharel e o Título de Bacharelato Europeo, que se imparte nas denominadas Escolas Europeas). O exame de Bacharelato Europeo realízase no 7º ano de estudos do ciclo secundario. A celebración das probas, que son escritas e orais, está supervisada por un xurado. A materia de primeira lingua estranxeira é obrigatoria para todo o alumnado. O título de Bacharelato Europeo tamén posibilita o acceso á universidade sen realizar a proba de selectividade. 

A FP específica de grao medio conduce ao título de Técnico, e posibilita o acceso ao mercado laboral ou á FP de grao superior, a cal conduce ao título de Técnico Superior, e posibilita á súa vez o acceso ao mercado de traballo ou a estudos universitarios. A preparación en ambos os graos (medio e superior) organízase nun conxunto de módulos profesionais de carácter á vez teórico e práctico, e de duración variable en función do campo profesional. Inclúe ademais unha fase de formación práctica nos centros de traballo. Os módulos son unidades ou núcleos que organizan os coñecementos e que, a pesar de posuír coherencia interna e sentido en si mesmos, poden sumarse uns a outros para cubrir áreas ou obxectivos máis amplos. Os módulos permiten relacionar contidos de distintas áreas e conectar contidos intelectuais con actividades prácticas. 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Ley Orgánica 1/1990, de 3 de octubre de 1990, de Ordenación General del Sistema Educativo, BOE núm 238, 04/10/1990.

Ley Orgánica 10/2002, de 23 de diciembre, de calidad de la educación. BOE núm. 307, 24/12/2002.

Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de educación. BOE núm. 106, 04/10/2006.

Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la mejora de la calidad educativa, BOE núm. 295, 10/12/2013.

MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1991. El Sistema Educativo Español. Madrid: CIDE-MEC.

Orden EDU/1161/2010, de 4 de mayo, por la que se establece el procedimiento para el acceso a la Universidad española por parte de los estudiantes procedentes de sistemas educativos a los que es de aplicación el artículo 38.5 de la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación.

Real Decreto 1105/2014, de 26 de diciembre, por el que se establece el currículo básico de la Educación Secundaria Obligatoria y del Bachillerato. 

Real Decreto 412/2014, de 6 de junio, por el que se establece la normativa básica de los procedimientos de admisión a las enseñanzas universitarias oficiales de Grado.

Rey Chao, M. A. 1991. A Reforma educativa: Contribución a un debate. Santiago de Compostela: Tórculo Edicións.

Warwick, D. (ed.) 1988. Teaching and Learning through Modules. Oxford: Blackwell.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Educación Secundaria Post-obligatoria (ESPO)
Inglés: 
Post-obligatory secondary education
Francés: 
Éducation secondaire post-obligatoire
Alemán: 
Postobligatorische Sekundarstufe
Italiano: 
Istruzione secondaria post-obbligatoria
Portugués: 
Ensino secundário pós-obrigatório
Ruso: 
Высшее среднее образование
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/educacion-secundaria-post-obrigatoria-espo, con data de acceso 10/12/2024).