Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE)

Definición:

Tamén Lei de Calidade.

Tras a aprobación da LOU, a Lei de Calidade da Educación pretende completar a reforma do ensino levada a cabo polo goberno español. A aprobación da mesma implica a derrogación de distintos aspectos da LODE e a LOXSE. En liñas xerais, non altera a estrutura do sistema educativo proposto na LOXSE, aínda que introduce cambios en case todas as súas etapas, por exemplo, adiantando o inicio da aprendizaxe dunha lingua estranxeira do terceiro ao primeiro curso de educación primaria. Na educación secundaria obrigatoria suprímese a promoción automática. A partir do terceiro curso de ESO, os alumnos poderán escoller entre dous itinerarios (orientación técnico-profesional ou científico-humanística), sendo materia común a ambas, entre outras, a de Linguas estranxeiras. O Bacharelato constará de dous cursos e tres modalidades en lugar de catro (Artes, Ciencia e Tecnoloxía, e Humanidades e Ciencias Sociais). A materia de Lingua Estranxeira é común a todas elas. Tras aprobar todas as materias da modalidade elixida, o alumno deberá superar a PXB (Proba xeral de Bacharelato), para o cal dispón de catro oportunidades. Esta proba de avaliación é similar a un exame coñecido como “a reválida”, que foi suprimido coa Lei de Educación de 1979. As probas serán escritas, fóra da de Lingua Estranxeira, que incluirá unha parte oral. A nota do Título de Bacharel (obrigatorio para cursar estudos universitarios ou FP de grao superior) será a media entre a cualificación obtida na PXB e o expediente académico (no cal computará a nota obtida na materia de Relixión ou a súa alternativa). Outras medidas introducidas no Proxecto son, por exemplo, o dereito dos profesores a asistencia xurídica en conflitos cos alumnos, a posibilidade de que os alumnos que non aproben a PXB tras aprobar as materias do seu itinerario de Bacharelato obteñan un certificado con efectos laborais e poidan acceder mediante unha proba á FP de Grao Superior, e a posibilidade de que, en casos excepcionais, un alumno poida superar o último curso da ESO aínda que lle falte algunha materia por aprobar. O 4 de maio de 2006 foi publicada no BOE unha nova Lei Orgánica de Educación (LOE) que matiza e modifica algúns dos principios e disposicións da lei anterior. 

Entradas relacionadas: 
Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Ley Orgánica de Calidad de la Educación (LOCE)
Ruso: 
Органический закон о качестве образования
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/lei-organica-calidade-educacion-loce, con data de acceso 14/11/2024).