Siglas de Lei de Ordenación Universitaria.
Aprobada en decembro de 2001, esta Lei Orgánica substitúe á LRU de 1983, configurando un novo modelo universitario en España. As principais novidades introducidas pola LOU son as seguintes:
- Novas competencias para as universidades (por exemplo, con respecto á contratación de profesorado ou a admisión de estudantes) e para as comunidades autónomas (por exemplo, o financiamento ou a avaliación da calidade). O Goberno resérvase o dereito de modificar a estrutura e contidos dos estudos universitarios para posibles adaptacións ao ensino superior europeo.
- Calidade educativa. Introdúcese a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, coa función de avaliar a actividade investigadora, docente e de xestión das universidades públicas, así como o seu rendemento.
- Mobilidade. Impúlsase a mobilidade de estudantes, profesores e investigadores a través do distrito aberto. Os alumnos poderán elixir centro en toda España, e para optar a un posto de profesor esixirase a desvinculación temporal do candidato con respecto ao centro que ofrece o posto.
- Órganos de goberno. O Reitor será elixido por sufraxio universal no que participarán estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. Créase un novo órgano, o Consello Social, mediador entre sociedade e universidade, e integrado por personalidades non pertencentes á comunidade universitaria. O Consello de Goberno substitúe ás Xuntas de Goberno, asumindo funcións de dirección, xestión e elaboración de orzamentos. Outros dous órganos de nova incorporación son: a Xunta Consultiva (comité asesor do Reitor) e o Consello de Coordinación Universitaria, que substitúe ao Consello de Universidades.
- Profesorado. Introdúcese un exame de habilitación nacional para acceder a postos de profesor titular e catedrático, tras o que se deberán superar as probas específicas que estableza cada centro. Este sistema de habilitación nacional foi posteriormente substituído por un sistema de acreditación co posterior concurso dentro da universidade correspondente. Créanse dúas novas figuras de docentes non funcionarios: axudante doutor e profesor contratado doutor.
- Estudantes. Suprímese a selectividade como proba de acceso. Cada universidade establece os seus propios procedementos de admisión de alumnos, previa superación da Proba Xeral de Bacharelato que establece a Lei de Calidade. Prevese unha política activa e diversificada de bolsas e axudas en consonancia co distrito universitario aberto.
- Universidade privada. Eliminouse por emenda a obrigación que establecía o Proxecto de Lei de que o 25% do profesorado estivese habilitado polo sistema público. No seu lugar, esíxese unicamente a avaliación positiva da Axencia de Calidade.
Entradas relacionadas: