Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Lei Orgánica de Educación (LOE)

Definición:

Lei educativa promulgada no ano 2006 que matiza e modifica algúns aspectos da lei anterior, a denominada Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE). De acordo coa LOE, o ensino básico obrigatorio e gratuito segue a comprender dez anos de escolaridade, dos 6 aos 16 anos, e abrangue a Educación Primaria e a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Na Educación infantil non se producen modificacións sustanciais con respecto á lei anterior, e continúase a fomentar a aproximación a unha lingua estranxeira no segundo ciclo (de 3 a 6 anos). A Educación Primaria (dos 6 aos 12 anos) divídese en tres ciclos e estructúrase en áreas de coñecemento, sendo unha delas a lingua estranxeira, que se imparte xa desde o primeiro curso do primeiro ciclo. A área de educación para a cidadanía introdúcese no terceiro ciclo da etapa, e tamén no terceiro ciclo as administracións educativas poderán engadir unha segunda lingua estranxeira. Só se permite repetir unha vez en toda a etapa, e darase especial importancia á atención á diversidade, á atención individualizada e á prevención de dificultades de aprendizaxe.

A Educación Secundaria Obrigatoria abrangue catro cursos (dos 12 aos 16 anos), sendo a lingua estranxeira materia obrigatoria en todos eles. O alumnado poderá cursar materias optativas, dentro de cuxa oferta deberá incluirse unha segunda lingua estranxeira. O cuarto curso terá un carácter orientador e as materias poderán agruparse en diferentes opcións. Repítese curso con tres ou máis materias suspensas e, salvo excepcións, poderá repetirse un mesmo curso unha soa vez. Ao rematar os estudos de Educación Secundaria obterase o Título de Graduado en ESO. O alumnado que con 16 anos non obteña o devandito título poderá incorporarse a programas de cualificación profesional inicial (PCPI). Estes programas permiten acadar competencias profesionais de nivel 1 ou obter o Título de Graduado en ESO.

Los estudos de Bacharelato (Educación Secundaria Post-Obrigatoria) abranguen dous cursos (de 16 a 18 anos) e tres modalidades (Artes, Ciencias e Tecnoloxía, e Humanidades e Ciencias Sociais), organizadas en materias comúns, de modalidade e optativas. A lingua estranxeira  é materia común en todas as modalidades, e os centros poderán ofertar unha segunda lingua estranxeira como optativa. O alumnado que obteña o Título de Bacharel poderá acceder aos estudos universitarios despois de superar unha Proba de Acceso á Universidade (Selectividade) que contemplaba inicialmente a realización dunha proba oral de lingua estranxeira.

A Formación Profesional non experimenta grandes cambios, comprendendo un conxunto de ciclos formativos de grao medio e grao superior aos que se pode acceder normalmente co Título de Graduado en ESO e Bacharel respectivamente. Á súa vez, o Título de FP de Grao Medio permite o acceso ao Bacharelato e o de Grao Superior a estudos universitarios.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de educación. BOE núm. 106, 04/10/2006.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Ley Orgánica de Educación (LOE)
Ruso: 
Органический закон об образовании
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/lei-organica-educacion-loe, con data de acceso 19/04/2024).