Bygate, M. 1987. Speaking – Language Teaching. A Scheme for Teacher Education. Oxford: Oxford University Press.
A capacidade para expresarse oralmente adoita ser un dos obxectivos principais no estudo dunha segunda lingua, aínda que hai quen dá máis importancia ao desenvolvemento das destrezas de lectura e a expresión escrita polas súas necesidades persoais e/ou profesionais.
Loxicamente a expresión oral vai estreitamente vinculada á comprensión oral; unha conversa require unha interacción entre dúas ou máis persoas. Poderíase dividir a expresión oral en dous grandes grupos ou bloques de destrezas:
- Destrezas motoro-perceptivas. Implican saber que formas gramaticais é preciso usar; saber utilizar os sons adecuados xunto cun ritmo e entonación correctos; saber empregar a(s) palabra(s) axeitada(s) para unha situación dada e colocala(s) na orde correcta, etc.
As actividades que se poden realizar para desenvolver esta destreza son a confección de diálogos, exercicios mecánicos de repetición, exercicios de substitución, exercicios de transformación e exercicios orales con significado completo, etc.
- Destrezas interactivas. Requírense este tipo de destrezas para que un intercambio comunicativo poida desenvolverse de forma espontánea e natural. Nunha conversa real, a miúdo, as persoas que falan non saben o que a outra persoa vai dicir exactamente. Para lograr unha comunicación eficaz é preciso que o falante pense e reaccione con rapidez, sabendo que dicir, como dicilo, e se debería ampliar ou non o tema de acordo coas súas intencións sen esquecerse de manter as relacións desexadas cos demais. O falante ten pois que planificar ata onde poida o que vai dicir; aínda que hai pouco tempo para planificar, o medio falado permite introducir alteracións no discurso. É común cometer un erro de pronuncia, léxico ou gramática e corrixirse de inmediato. Tamén se poden usar marcadores discursivos co fin de darlle tempo ao interlocutor para pensar o que vai dicir. Por todo iso, parece necesario que o alumno sexa adestrado na práctica destas habilidades orais.
As actividades que se poden levar a cabo na aula para desenvolver estas destrezas interactivas xunto coas motoro-perceptivas son a dramatización, a simulación, as actividades de resolución de problemas e distintos tipos de xogos. Todas estas son tarefas estruturadas ou baseadas nun tema que teñen un obxectivo claro; por iso son especialmente adecuadas para niveis elementais e intermedios. Aínda que se poden usar tamén con estudantes avanzados, ás veces estes necesitan unha selección máis ampla de actividades, como as seguintes: falar durante períodos longos, contar contos, anécdotas, chistes, etc.; describir en detalle unha persoa ou un lugar; debater a favor ou en contra dunha proposta, e discutir sobre diversas situacións, sentimentos ou relacións.
Eres Fernández, I. G. M. & Rádis Baptista, L. M. T. 2010. La enseñanza de lenguas extranjeras y la evaluación. Madrid: Arco Libros.
Klippel, F. 1991. Keep Talking. Communicative Fluency Activities for Language Teaching. Cambridge: Cambridge University Press. 8th print.
McCarthy, M. 1998. Spoken Language and Applied Linguistics. Cambridge: Cambridge University Press.
Nation, I. S. P. & Newton, J. 2009. Teaching ESL/EFL Listening and Speaking. ESL and Applied Linguistics Professional Series. New York; London: Routledge.
Richards, J. C. 1990. The Language Teaching Matrix. New York: Cambridge University Press.
Tejada Molina, G. & Nieto García, J. M. 1996. “Oral Communication”, in McLaren, N. & Madrid, D. (eds.), 1996, pp. 239-258.
Ur, P. 1981. Discussions that Work: Task-Centred Fluency Practice. Cambridge: Cambridge University Press.