Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Xogo

Definición:

actividade organizada que ten polo xeral os seguintes compoñentes:

  1. unha tarefa ou obxectivo en particular;
  2. un conxunto de regras;
  3. unha certa competitividade entre varios participantes; e finalmente,
  4. a comunicación falada ou escrita entre os xogadores.

No ensino de linguas utilízase o xogo para proporcionar ao alumnado a experiencia de comunicarse a través da segunda lingua dun xeito divertido e natural. Moitos xogos distraen a atención do alumnado do estudo das formas lingüísticas. Deste xeito, no canto de pensar sobre a lingua, póñena en práctica. No xogo adoita haber bastante repetición comunicativa que resulta interesante e motivadora, e como resultado mellora as posibilidades de aprendizaxe.

Os xogos que serven para exercitar a comunicación oral poden clasificarse en sete grandes grupos:

  1. acadar consenso, por exemplo, actividade en pirámide;
  2. dar instrucións, por exemplo, Simón di; Bingo;
  3. xogos de comunicación, por exemplo, Describir e debuxar; Descubrir as diferenzas;
  4. actividades de resolución de problemas;
  5. intercambio interpersoal, por exemplo, intercambiar información sobre as comidas preferidas / deportes / pasatempos, etc., a través dunha enquisa;
  6. construír pequenas historias; e
  7. a simulación e a dramatización.
Exemplos: 

Un exemplo dun xogo típico en inglés, de fácil aplicación a calquera outra lingua, e que fomenta a comunicación real entre as persoas é o de Who am I? (“Quen son eu?”). Consiste no seguinte: un voluntario da clase pensa nunha persoa famosa. Os demais estudantes teñen que tratar de adiviñar quen é facendo preguntas do tipo Are you a woman? (“Es unha muller?”) ou Are you alive? (“Estás vivo?”). Neste caso, o estudante voluntario só pode contestar con Si ou con NonYes, I am No, I'm not, ou Yes, I do / No, I don't, dependendo do contexto. O estudante que consegue saber quen é a persoa famosa é o gañador.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bestard Monroig, J. 1996. "Games and Songs in Teaching English", iMcLaren, N. & Madrid, D. (eds.). A Handbook for TEFL. Alcoy: Marfilpp. 395-419.

Cook, G. 2000. Language Play, Language Learning. Oxford: Oxford University Press.

Lee, W. R. 1988. Language Teaching Games and Contests. Oxford: Oxford University Press. 2nd revised edition.

McCallum, G. P. 1980. 101 Word Games. Oxford, New York: Oxford University Press.

Rinvolucri, M. 1984. Grammar Games. Cambridge: Cambridge University Press.

Rixon, S. 1981. How to Use Games in Language Teaching. Basingstoke; London: Macmillan.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Juego
Inglés: 
Game
Francés: 
Jeu
Alemán: 
Spiel
Italiano: 
Gioco
Polaco: 
Gra
Portugués: 
Jogo
Ruso: 
Игра
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/xogo, con data de acceso 18/04/2024).