Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Comprensión oral

Definición:

Tamén chamada comprensión auditiva.

Capacidade para identificar e comprender o que din as persoas a unha velocidade normal. Para iso é necesario entender o acento e a pronuncia, a gramática, o vocabulario e o significado da mensaxe que o falante quere transmitir.

Algunhas das técnicas que se poden utilizar para o desenvolvemento da comprensión oral son as seguintes:

  1. a predición, é dicir, o discente ten que predicir o contido do que vai escoitar de acordo cunha serie de indicacións;
  2. adiviñar palabras e frases descoñecidas;
  3. utilizar os propios coñecementos que ten o alumno sobre o tema para facilitar a comprensión;
  4. identificar os aspectos máis relevantes dun texto ou conversa deixando a información secundaria nun segundo plano;
  5. recoñecer marcadores discursivos como Right, Well, You know, I mean, etc., en inglés, e “Pois”, “Ben”, “Xa sabes”, “É que”, “Quero dicir”, etc., en galego;
  6. recoñecer elementos que axudan á cohesión, ademais de pronomes e referencias anafóricas;
  7. saber interpretar os cambios de entonación e acentuación;
  8. atención á pronuncia: asimilación, contraccións no caso do inglés, liaison no caso do francés, etc.;
  9. comprender información inferida, por exemplo, a actitude da persoa que fala; e, para rematar,
  10. ser capaz de entender unha mensaxe mutilada parcialmente por algún tipo de interferencia, como ruído de fondo.

Por todo o anterior é importante que os discentes teñan a oportunidade de practicar a comprensión oral utilizando situacións reais ou auténticas. Como exemplos de materiais propios para o desenvolvemento da comprensión pódense mencionar os seguintes: extractos de programas de radio ou televisión, películas, conversas curtas, cancións, instrucións e entrevistas.

As respostas, no caso de que haxa que dalas, poden adoptar diversos formatos:

  1. seguir instrucións;
  2. elixir as respostas correctas dunha lista;
  3. identificar erros nun texto;
  4. completar ocos en branco;
  5. contestar verdadeiro / falso a unha serie de afirmacións;
  6. establecer correspondencias ou conexións entre unidades informativas; e, para rematar,
  7. adiviñar definicións.

Se se buscan respostas máis longas, pódese pedir ao alumno que faga un resumo do texto, o parafrasee ou traduza algunhas partes do mesmo.

Bibliografía: 

Bromwell, J. 2013. Listening. Attitudes, Principles and Skills. London & New York: Routledge. 5th edition.

Eres Fernández, I. G. M. & Rádis Baptista, L. M. T. 2010. La enseñanza de lenguas extranjeras y la evaluación. Madrid: Arco Libros.

Nation, I. S. P. & Newton, J. 2009. Teaching ESL/EFL Listening and Speaking. ESL and Applied Linguistics Professional Series. New York; London: Routledge.

Ur, P. 1984. Teaching Listening Comprehension. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Comprensión oral
Inglés: 
Listening comprehension
Francés: 
Compréhension orale
Alemán: 
Hörverstehen
Italiano: 
Comprensione orale
Polaco: 
Rozumienie ze słuchu
Portugués: 
Compreensão oral
Ruso: 
Понимание на слух
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/comprension-oral, con data de acceso 13/10/2024).