Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Interacción na aula

Definición:

Modelos de comunicación verbal e non verbal, e conxunto de pautas de intercambio social que teñen lugar dentro da aula. O concepto de interacción está ligado aos estudos da psicoloxía evolutiva e a psicoloxía socialque explican o desenvolvemento intelectual e cognitivo do individuo en función das relacións que este establece co “outro”, é dicir, con outros individuos e co medio. Os procesos de interacción están intimamente relacionados cos de socialización, que tratan daqueles cambios que teñen lugar no individuo como resultado da interacción/relación cos demais a medida que vai madurando. Os procesos de socialización evolucionan paralelamente aos procesos de desenvolvemento cognitivo, é dicir, a cognición ten a súa orixe no intercambio social, mediante o cal os nenos aprenden a controlar os seus propios procesos cognitivos.

Do mesmo xeito que o resto dos contextos sociais, o estudo da interacción na aula é de grande importancia dado que a aula é un marco no que se establece un amplo abano de relacións sociais entre todos os seus compoñentes (discente-discente, docente-discente), o cal repercute no proceso de aprendizaxe. Este feito é especialmente relevante na aprendizaxe de linguas: a interacción cos demais e co medio constitúe a base para a adquisición tanto da L1 como da L2, e propicia a boa ou mala predisposición do alumno con respecto á aprendizaxe.

A interacción na aula estudouse mediante métodos de observación e clasificación das distintas condutas verbais e non verbais que se dan nese contexto. Estes estudos teñen como obxectivo determinar o papel dos procesos de interacción social nas distintas situacións de aprendizaxe.

O estudo da interacción na aula pode ser unha parte importante na investigación sobre o discurso de aula, a fala do profesor e a adquisición de segundas linguas en xeral. 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Delamont, S. 1984. Interacción didáctica. Colección Diálogos en educación, nº 17. Madrid: Cincel.

Ellis, R. 1985b. “Teacher-Pupil Interaction in Second Language Development”, in Gass, S. & Madden, C. (eds.). Input in Second Language Acquisition. Rowley, Mass.: Newbury House, pp. 69-85.

Lantolf, J. & Appel, G. (eds.) 1994. Vygotskian Approaches to Second Language Research. Norwood, NY: Ablex Publishing Corporation.

Moore, T. E. (ed.) 1973. Cognitive Development and the Acquisition of Language: [Original Papers of a Conference Sponsored by the National Science Foundation and Held at the State University of New York at Buffalo, August 2-5, 1971]. New York: Academic Press.

Ovejero Bernal, A. 1990. El aprendizaje cooperativo. Barcelona: PPU.

Salaberri Ramiro, S. 1997. El discurso del profesor en el aula y su relación con las tareas de aprendizaje. Universidad de Granada. (Tesis doctoral inédita).

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Interacción en el aula
Inglés: 
Classroom interaction
Francés: 
Interaction dans la salle de classe
Alemán: 
Interaktion in der Klasse
Italiano: 
Interazione in classe
Polaco: 
Interakcja w klasie szkolnej
Portugués: 
Interação em contexto de sala de aula
Ruso: 
Взаимодействие в классе
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/interaccion-aula, con data de acceso 04/10/2024).