Ovejero Bernal, A. 1990. El aprendizaje cooperativo. Barcelona: PPU.
Método de ensino e aprendizaxe de linguas no que as clases se organizan de xeito que o alumnado traballa en grupos reducidos dentro dos que se establecen relacións de interdependencia positiva e interacción social, e onde se comparten responsabilidades e obxectivos nos procesos de ensino-aprendizaxe, así como obxectivos de aprendizaxe; os resultados xorden da cooperación entre os distintos compoñentes do grupo. Ademais, o traballo en grupo diminúe a competitividade negativa e fomenta a colaboración e integración dos que o forman, e repercute positivamente no proceso de aprendizaxe, aumentando así a súa efectividade. Cada individuo é unha peza fundamental dentro do grupo e cando realiza progresos o grupo tamén progresa; deste xeito aumenta a súa autoestima e confianza en si mesmo, ao tempo que a colaboración fortalece os vínculos de relación entre os compoñentes do grupo.
Existe unha diferenza importante entre os grupos de aprendizaxe tradicionais e os de carácter cooperativo; mentres que os primeiros adoitan ser de natureza homoxénea (todos os seus membros comparten metas e teñen un nivel de aptitude semellante), os segundos tenden a integrar a discentes de diversas características (nivel de aptitude, rapidez de asimilación de conceptos, etc.) e promoven o liderado compartido, que implica un mesmo grao de responsabilidade e participación nas actividades de aprendizaxe levadas a cabo polo grupo, así como o mantemento dunhas boas relacións dentro do mesmo. Ademais, nos grupos tradicionais, o docente segue a ter un papel dominante dentro da situación de aprendizaxe; pola contra, nun grupo de aprendizaxe cooperativa, o profesor pasa a desempeñar a función de supervisor, facilitador da aprendizaxe ou guía que articula o traballo do grupo, fomentando a participación dinámica de cada un dos seus membros. Para implementar a aprendizaxe cooperativa hai que ter en conta aspectos como os que seguen:
- a especificación e secuenciación dos obxectivos didácticos;
- o tamaño do grupo;
- a distribución dos alumnos nos distintos grupos (formación de grupos heteroxéneos ou homoxéneos);
- a disposición do espazo físico da aula;
- a planificación do material didáctico para fomentar a interdependencia;
- a asignación de roles e distribución de responsabilidades individuais;
- a explicación das tarefas ao alumno;
- a distribución das responsabilidades individuais;
- a organización da cooperación intergrupal;
- o control da conduta dos alumnos;
- a axuda ao alumno na realización das tarefas; e
- a avaliación da calidade e cantidade da aprendizaxe así como do funcionamento do grupo.
A aprendizaxe cooperativa está relacionada cos conceptos de interacción en grupos pequenos, e os métodos de ensino centrados no alumno.
Oxford, R. L. 1997. “Cooperative Learning, Collaborative Learning, and Interaction: Three Communicative Strands in the Language Classroom.” Modern Language Journal 81: 443-456.