Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Aprendizaxe centrada no alumno

Definición:

Termo relacionado coa personalización, a análise de necesidades e os estudos sobre aprendizaxe de adultos que fai referencia a aquelas situacións de aprendizaxe que colocan ao discente no centro deste proceso, é dicir, como responsable directo do mesmo, con capacidade para tomar decisións acerca dos recursos, obxectivos, métodos e técnicas de traballo, corrección e avaliación. Así pois, téñense moi en conta as opinións e necesidades do alumno, e a negociación de todos os aspectos relativos ao ensino/aprendizaxe da lingua entre os discentes e o profesor. O alumno ha de tomar conciencia de todos aqueles aspectos lingüísticos e extralingüísticos que inflúen nos procesos de aprendizaxe e que, polo tanto, están en constante evolución. Así pois, a participación do alumno é necesaria antes, durante e ao final do proceso de ensino/aprendizaxe.

Os métodos de ensino/aprendizaxe centrados no alumno opóñense aos métodos de ensino tradicionais, nos que o único que toma decisións é o profesor e non se presta atención ás necesidades e intereses particulares dos estudantes.

Os currículos centrados arredor do alumno parten destes presupostos e constrúense en función da análise das necesidades dos alumnos, que pasan de ser meros receptores pasivos do que lles transmite o profesor a participar activamente no proceso educativo, intervindo no deseño e selección dos distintos elementos que forman parte do devandito proceso (contidos, métodos e técnicas de ensino, avaliación, etc.), de forma que se adapten o mellor posible ás súas necesidades. Con todo, en situacións prácticas onde a lingua estranxeira forma parte do currículo escolar, esta alternativa non é sempre factible xa que as decisións sobre os contidos a ensinar e a metodoloxía a utilizar se toman previamente, antes de coñecer aos alumnos e partindo das pautas establecidas nos deseños curriculares oficiais. Por outra banda, a negociación pode resultar conflitiva, dado que non sempre coinciden as posturas do profesor e alumno con respecto ao que é necesario aprender e ao modo máis efectivo ou axeitado para facelo. En moitos casos, ademais, pode ser difícil para o alumno tomar conciencia de cales son as súas necesidades.

Certos métodos de ensino de linguas tales como a aprendizaxe da lingua en comunidade, o método do silencio, o método comunicativo ou o método natural proporcionan ao alumno un papel activo, polo que se di que están máis centrados no alumno que os métodos máis tradicionais.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Nunan, D. 1988. The Learner-Centred Curriculum. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Aprendizaje centrado en el alumno
Inglés: 
Learner-centred learning
Francés: 
Apprentissage axé sur l'apprenant
Alemán: 
Lernerzentriertes Lernen
Italiano: 
Apprendimento centrato sul discente
Polaco: 
Nauka skupiona na uczącym się
Portugués: 
Aprendizagem centrada no aluno
Ruso: 
Обучение сосредоточенное на учащемся
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/aprendizaxe-centrada-alumno, con data de acceso 13/10/2024).