Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Aprendizaxe da lingua en comunidade

Definición:

Tamén aprendizaxe comunitaria da lingua.

Método de ensino de segundas linguas inspirado por Rogers (1951) pero desenvolvido posteriormente por Curran (1976). Esta metodoloxía trata de levar ao campo do ensino de segundas linguas determinados aspectos da orientación psicopedagóxica. Adoita basearse no traballo en grupos, preferiblemente non demasiado numerosos, e concede grande importancia á expresión de emocións e sentimentos persoais do discente. Unha clase típica de acordo con esta metodoloxía componse das seguintes fases:

  1. os discentes póñense de acordo no tema sobre o que van charlar e discutir;
  2. un dos alumnos inicia a conversa na L2 ou na L1;
  3. se o alumno iniciou a conversa na L1, o profesor traduce á L2 o que acaba de dicir, ou se iniciou a conversa na L2, pero con algún erro importante, o profesor dalle a versión correcta;
  4. o discente repite as estruturas enunciadas polo docente;
  5. cando o profesor considera que o alumno xa utiliza e pronuncia esas estruturas con bastante propiedade, recólleas nalgún dispositivo de gravación;
  6. un novo alumno continúa coa conversa;
  7. o docente repite a acción anterior traducindo á L2 o expresado polo alumno na L1 ou dándolle a versión correcta se hai erros no expresado na L2; o alumno, unha vez que pensa que está preparado, grávao novamente;
  8. repítense sucesivamente as operacións anteriores; e, para rematar,
  9. os estudantes escoitan toda a conversa varias veces e o profesor aproveita para explotar ese material desde un punto de vista pedagóxico, salientando aquelas estruturas gramaticais ou elementos léxicos que lle parezan de interese.

Unha das grandes virtudes deste método é a atención aos valores afectivos do alumno, mentres que unha das críticas máis frecuentes que se lle fixeron radica na gran dificultade que supón a súa posta en práctica con grupos numerosos de alumnos.

Bibliografía: 

Curran, C. 1976. Counseling-Learning in Second Languages. Apple River, Il: Apple River Press.

La Forge, P. G. 1983. Counselling and Culture in Second Language Acquisition. Oxford: Pergamon Press.

Larsen-Freeman, D. 1986. Techniques and Principles in Language Teaching. New York: Oxford University Press.

Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.

Rogers, C. R. 1951. Client-Centered Therapy. Boston: Houghton Mifflin.

Sánchez Pérez, A. 2009. La enseñanza de idiomas en los últimos 100 años. Métodos y Enfoques. Madrid: SGEL.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Aprendizaje de la lengua en comunidad / Aprendizaje comunitario de la lengua
Inglés: 
Community Language Learning (CLL)
Francés: 
Méthode communautaire
Alemán: 
Community Language Learning
Italiano: 
Apprendimento della lingua in comunità
Portugués: 
Aprendizagem da língua em comunidade
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/aprendizaxe-lingua-comunidade, con data de acceso 29/03/2024).