Bejarano, Y. 1987. "A Cooperative Small Group Methodology in the Language Classroom". TESOL Quarterly 21/3: 483-501.
División da clase en grupos pequenos que traballan conxuntamente nunha tarefa. É posible que tódolos grupos funcionen de xeito simultáneo, aínda que tamén cada un deles podería centrarse en diferentes partes dunha mesma tarefa. Por outra banda, cómpre diferenciar entre as tarefas individuais realizadas en grupo co fin de fomentar a cooperación, e as que precisan dun grupo para a súa realización. Nestas últimas a interacción comunicativa entre os membros do grupo é indispensable. Como exemplos de actividades que é posible realizar en grupo pódense citar unha tarefa escrita na que os alumnos teñen que facer unha listaxe dos inconvenientes e as vantaxes de vivir no campo e vivir na cidade, a confección dun anuncio publicitario para o que previamente se deron unha serie de instrucións en canto ao seu formato e contido, pequenas dramatizacións ou simulacións onde cada un dos alumnos do grupo asume o papel dun personaxe, e discusións sobre temas específicos como preparación para un debate xeral de toda a clase.
O traballo en grupo permite que un meirande número de estudantes practique a lingua meta ao mesmo tempo, ademais de darlles a oportunidade de traballar con maior autonomía. Por iso os estudantes adoitan sentirse máis motivados e máis dispostos a colaborar entre si e co profesor. Nos traballos en grupo axúntanse esforzos e ideas, permitindo que os alumnos máis tímidos e con máis dificultades poidan ser axudados polos máis avanzados e cunha personalidade máis extrovertida. Ademais, desde o punto de vista actitudinal, é interesante que os alumnos aprendan a compartir puntos de vista e a traballar con outras persoas.
Algúns docentes non son totalmente partidarios do traballo en grupo porque temen perder o control da clase ou que os estudantes fagan demasiado ruído ou empreguen en exceso a súa lingua materna. Sen dúbida, non se deben ignorar estas dificultades, aínda que non invalidan en absoluto o emprego desta técnica pedagóxica. Cómpre sinalar que o éxito do traballo en grupo depende moitas veces do clima social e do afeitos que estean os estudantes a traballar deste xeito. Evidentemente, é tamén fundamental que o docente escolla tarefas interesantes e motivadoras.
Pódese falar de catro etapas na organización do traballo en grupo:
- O profesor proporciona instrucións claras e precisas sobre a tarefa que se vai levar a cabo. Os alumnos deben ter moi claro o que teñen que facer; por iso é aconsellable proporcionar explicacións detalladas antes de entregar materiais ou formar os grupos de traballo.
- Mentres se realiza a tarefa, o docente acode a cada grupo e ofrece a súa axuda se é preciso. A súa función é a de monitor ou asesor, e non se debe reducir simplemente á corrección de erros. Tamén pode asegurarse de que os estudantes fan uso da lingua meta.
- A actividade remátase de ser posible mentres os alumnos están aínda ocupados con ela.
- Para rematar, faise a corrección interactiva da tarefa. Esta pódese levar a cabo dos seguintes xeitos: proporcionando a solución ou resposta se hai só unha, compartindo as distintas opinións sobre a solución á actividade, ou amosando aos membros da clase tódolos materiais que cada grupo elaborou.
Chappell, P. 2014. Group Work in the English Curriculum. Social and Ecological Perspectives on Second Language Classroom Learning. New York: Palgrave Macmillan.
Long, M. H. & Porter, P. A. 1985. “Group Work, Interlanguage Talk and Second Language Acquisition.” TESOL Quarterly 19/2: 207-228.
Nation, I. S. P. 1989. "Group work and language learning." English Teaching Forum 27/2: 20-24.
Ur, P. 1996. A Course in Language Teaching – Practice and Theory. Cambridge: Cambridge University Press.