Doff, A. 1988. Teach English: A Training Course for Teachers. Cambridge: Cambridge University Press.
actividade na que o docente divide a clase en pares ou parellas. Cada unha destas traballa de xeito simultáneo mentres o profesor pasea pola clase ofrecendo axuda se se lle pide, ou simplemente comprobando que a actividade se está a levar á práctica. Ás veces o docente cambia a composición das parellas para que se poidan comparar tarefas, respostas, etc., ou para favorecer a interacción entre o alumnado; deste xeito evítase que as mesmas persoas traballen sempre xuntas. Neste sentido pódese distinguir entre parellas pechadas, abertas e cambiantes. En canto ao tipo de actividades, cómpre diferenciar entre as tarefas individuais realizadas en parellas co fin de fomentar a cooperación, e aquelas que precisan dunha parella para a súa realización e que teñen como obxectivo a interacción comunicativa. No caso das primeiras pódese dicir que, en realidade, calquera actividade, como un exercicio gramatical ou a contestación a preguntas sobre un texto, é susceptible de ser adaptada para ser realizada en parellas. Sen embargo, moitas das actividades de resolución de problemas, dramatizacións, simulacións e actividades de baleiro informativo son exemplos de actividades en parellas do segundo tipo, é dicir, aquelas que perseguen o intercambio de información, ideas e opinións entre os membros da parella.
O traballo en parellas permite que un meirande número de estudantes practique a lingua meta, ademais de ofrecerlles a oportunidade de comunicarse de xeito máis natural que con outras formas de agrupamento como, por exemplo, o ensino centrado no profesor. Ademais, o traballo en parellas fomenta a interacción e a cooperación entre o alumnado. O docente actúa como asesor e deixa de exercer un control férreo sobre a clase, que é o que ocorre no ensino centrado no profesor.
Harmer, J. 2015. The Practice of English Language Teaching. New York: Longman. 5th edition.
Jolliffe, W. 2007. Cooperative Learning in the Classroom: Putting it into Practice. London: Sage Publications.