Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Tradución

Definición:

O uso da tradución no ensino de segundas linguas propúxose de modo explícito a mediados do século XIX no método da gramática e a tradución, que avogaba polo ensino explícito de regras gramaticais e vocabulario, que despois eran practicados polos estudantes por medio da tradución de oracións illadas. A partir do método directo, case todos os enfoques de ensino de linguas criticaron o seu uso por diversos motivos: a falta de atención á lingua falada en contextos naturais, o fomento de ideas falsas sobre as equivalencias entre a primeira lingua e a lingua meta, o reforzo que se produce da transferencia da primeira lingua, e a consecuente disminución no ritmo de adquisición de destrezas propias do falante nativo. Con todo, mesmo as voces máis críticas sobre a relevancia da tradución no ensino de linguas estranxeiras sinalan hoxe en día a súa natureza cognitiva, recoñecendo a súa importancia como unha axuda ou ferramenta máis para a aprendizaxe, como un medio útil de avaliación e unha destreza valiosa en si mesma.

Duff (1989) resume deste xeito as principais razóns polas que se deben introducir exercicios de tradución nas clases de lingua estranxeira:

  1. a tradución é unha actividade natural e común coa que fácilmente nos atopamos na vida cotiá fóra da aula;
  2. cómpre aprender a comunicarse nas dúas direccións, é dicir, da lingua orixe á lingua meta, e viceversa;
  3. o material que se emprega nas actividades de tradución é auténtico, é dicir, non é artificial nin previamente simplificado ou adaptado por razóns pedagóxicas;
  4. a tradución axúdanos a comprender mellor a influencia da L1 sobre a L2; ademais, a través da tradución pódese aprender moito sobre o funcionamento da propia L1;
  5. a tradución é unha actividade moi útil desde o punto de vista da aprendizaxe, xa que fomenta a discusión e a especulación, permite seleccionar aqueles aspectos ou áreas lingüísticas cos que o alumno ten máis dificultades e, finalmente, axuda a desenvolver tres propiedades que son esenciais para a aprendizaxe de linguas estranxeiras:
    1. flexibilidade (existe máis dunha posible tradución para un texto concreto),
    2. exactitude (o texto de chegada debe ser o máis fiel posible ao texto de orixe), e
    3. claridade (cómpre ser o máis claro posible na expresión dos significados).
Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Cook, G. 2010. Translation in Language Teaching. Oxford: Oxford University Press.

Duff, A. 1989. Translation. A Resource Book for Teachers. Oxford: Oxford University Press.

Howatt, A. 1984. A History of English Language Teaching. Oxford: Oxford University Press.

Palacios Martínez, I. M. & Seoane Posse, E. 2000. Aprendiendo y enseñando a traducir. Learning and Teaching to Translate. Aprendendo e ensinando a traducir. Santiago: Universidade de Santiago.

Stern, H. 1992. Issues and Options in Language Teaching. Oxford: Oxford University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Traducción
Inglés: 
Translation
Francés: 
Traduction
Alemán: 
Übersetzung
Italiano: 
Traduzione
Portugués: 
Tradução
Ruso: 
Перевод
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/traducion, con data de acceso 25/01/2025).