Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Fala do profesor

Definición:

No contacto diario co alumnado, os docentes de segundas linguas adoitan introducir unha serie de axustes, modificacións e simplificacións co fin de facilitar a comunicación e a comprensión. Este tipo de linguaxe, coñecido como fala ou xerga propia do profesor, comparte elementos comúns coa fala materna e coa fala para estranxeiros. Ellis (1985c) establece unha distinción entre aqueles estudos que investigan o tipo de linguaxe utilizada polo profesor de segundas linguas nas súas clases e outros que se centran nas formas lingüísticas empregadas polo profesor nas clases doutras materias con alumnos que posúen unha L1 distinta á súa. Os trazos máis salientables da fala do profesor poden resumirse nos seguintes:

  1. É moi común atoparse con modificacións ou axustes en todos os cursos, independentemente do nivel de competencia lingüística do alumno, xa sexa este inicial, intermedio ou avanzado. Estas modificacións afectan á pronuncia (tendencia por parte do profesor a recalcar e ata a esaxerar certos sons que considera de maior dificultade para os alumnos, maior énfase na entoación), ao léxico (emprego de palabras e expresións sinxelas, uso de termos da L2 semellantes na forma e os sons aos seus equivalentes na L1) e á gramática (preferencia por oracións simples e curtas sobre construcións subordinadas).
  2. É infrecuente atoparse con alteracións que rompan as regras gramaticais do idioma.
  3. Obsérvase a presenza dunha serie de fenómenos derivados do proceso de interacción profesor-alumno, tales como, por exemplo, repeticións, explicacións longas e chamadas de atención.
  4. Obsérvase un número elevado de pausas de gran duración.
  5. Finalmente, emprégase unha cantidade moito maior de afirmacións que de preguntas.

En opinión de Ellis (1985c), os profesores deberán valorar o nivel de competencia lingüística dos seus alumnos para máis tarde decidir sobre as modificacións que se deben introducir no seu uso da L2

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Chaudron, C. 1988. Second Language Classrooms. Research on Teaching and Learning. Cambridge: Cambridge University Press.

Ellis, R. 1991. Understanding Second Language Acquisition. Oxford: Oxford University Press.

Håkansson, G. 1987. Teacher Talk: How Teachers Modify their Speech when Addressing Learners of Swedish as a Foreign Language. Lund: Lund University Press.

Salaberri Ramiro, S. 1997. El discurso del profesor en el aula y su relación con las tareas de aprendizaje. Universidad de Granada. (Tesis doctoral inédita).

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Habla del profesor
Inglés: 
Teacher talk
Francés: 
Langue propre à l'enseignant
Alemán: 
Lehrersprache
Italiano: 
Parlata dell'insegnante
Polaco: 
Język nauczycieli
Portugués: 
Discurso do professor
Ruso: 
Педагогическая речь
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/fala-profesor, con data de acceso 07/12/2024).