Ellis, R. 1991. Understanding Second Language Acquisition. Oxford: Oxford University Press.
No ámbito da adquisición da L1, trátase dunha variedade de lingua utilizada polos pais ao dirixirse aos seus fillos pequenos. Este fenómeno tamén axudou a ilustrar, e ata a caracterizar, determinados aspectos e teorías na aprendizaxe da L2, sobre todo aqueles relativos á natureza da interacción e do aducto ou información lingüística á que está exposto un estudante. Crese que na interacción entre profesor e alumno, así como entre un falante nativo e outro non nativo existen trazos que son característicos da fala materna. Seguindo a Ellis (1985c, 1994), podemos resumir como segue os achados máis relevantes da investigación levada a cabo neste campo:
- A fala materna caracterízase por estar ben conformada, detectándose moi poucas formas non gramaticais; con todo, identifícanse un certo número de axustes formais: oracións curtas e sinxelas con escasa presenza de construcións coordinadas e subordinadas, e uso de preguntas cuxa resposta xa é coñecida de antemán polo propio falante.
- Tres son as funcións principais deste tipo de linguaxe: función de socialización, instrumento para favorecer a comunicación, e medio de ensino da propia L1.
- Os axustes ou modificacións introducidos polos pais ao dirixirse aos seus fillos veñen determinados polo nivel de percepción que eles teñen do grao de comprensión que manifestan os seus fillos.
- En canto aos efectos desta variedade de lingua, a investigación realizada demostra que o contexto lingüístico non produce ningunha variación na ruta de adquisición dos nenos, é dicir, non se detectan cambios importantes nas distintas etapas polas que van pasando na súa aprendizaxe da L1; pola contra, parece totalmente comprobado que a fala materna se ve reflectida no grao de rapidez coa que os nenos aprenden a lingua.
- Resulta totalmente necesario que se produza unha conexión directa entre a forma visual e a modalidade oral para que teña lugar a aprendizaxe; noutras palabras, os nenos teñen que ser capaces de asociar o que oen co que ven para que haxa adquisición. A fala materna caracterízase por estar acompañada dunha información referencial evidente para o neno, que lle permite asociar o percibido coa forma lingüística correspondente.
Ellis, R. 1994. The Study of Second Language Acquisition. Oxford: Oxford University Press.
Snow, C. & Ferguson, C. (eds.) 1977. Talking to Children. Cambridge: Cambridge University Press.
Wells, G. 1981. Learning through Interaction. Cambridge: Cambridge University Press, 1981.