Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Investigación

Definición:

Estudo dun problema ou fenómeno utilizando procedementos obxectivos e sistemáticos co fin de comprendelo e formular teorías ou principios sobre o mesmo. Segundo Nunan (1992), a investigación é un proceso sistemático de estudo que consiste en tres elementos ou compoñentes:

  1. a pregunta, problema ou hipótese;
  2. a recollida de datos; e
  3. a análise e a interpretación desta información.

De acordo coas fontes de información utilizadas, a investigación pode ser primaria (baseada en información de primeira man, como a que se obtén directamente a partir de informantes) ou secundaria, se recorre a fontes indirectas, como, por exemplo, libros sobre o fenómeno que se desexa investigar. A investigación primaria pode realizarse mediante estudos de casos, que son frecuentemente lonxitudinais, ou estudos estatísticos, que adoitan recorrer a métodos transversais. Para que resulte útil e adecuada ao problema obxecto de estudo, a investigación estatística debe posuír unha serie de características:

  1. debe ter un poder redutivo ou simplificador, é dicir, ser capaz de extraer pautas de conduta a partir da variedade dos feitos observados;
  2. debe ser sistemática (isto é, posuír unha estrutura e unhas regras de operación) e lóxica (estar baseada nun patrón de etapas sucesivas);
  3. debe tamén recorrer a información tanxible (procedente de datos do mundo real) e cuantificable; e, finalmente,
  4. calquera estudo estatístico debe poder repetirse baixo as mesmas condicións.
Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Brown, J. D. 1988. Understanding Research in Second Language Learning: A Teacher’s Guide to Statistics and Research Design. Cambridge: Cambridge University Press.

Chaudron, C. 1988. Second Language Classrooms. Research on Teaching and Learning. Cambridge: Cambridge University Press.

Nunan, D. 1992. Research Methods in Language Learning. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Investigación
Inglés: 
Research
Francés: 
Recherche
Alemán: 
Forschung
Italiano: 
Ricerca
Polaco: 
Research/Badanie
Portugués: 
Investigação
Ruso: 
Исследование
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/investigacion, con data de acceso 15/10/2024).