Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Taxonomía de Bloom

Definición:

Nos anos 50 do século pasado, Benjamin S. Bloom e mais un amplo elenco de colaboradores de universidades americanas elaboraron unha clasificación funcional dos obxectivos aos que a educación pode referirse, tanto no eido do coñecemento como no da afectividade ou da psicomotricidade. A devandita clasificación ten dúas utilidades principais: por unha banda, contribuír a unha mellor comprensión da complexidade de elementos presentes en calquera acto educativo e, por outra, facilitar na práctica a formulación, orientación e organización dos obxectivos que os profesores deben definir previamente ás súas clases.

A taxonomía proposta organiza os obxectivos, dentro do eido do coñecemento, en seis tipos fundamentais:

  1. coñecemento,
  2. comprensión,
  3. aplicación,
  4. análise,
  5. síntese, e
  6. avaliación.

Cada un deles leva asociadas unha serie de aptitudes e capacidades intelectuais que se formulan desde o punto de vista normativo, é dicir, que “deben ser adquiridas” polo alumno. Así, lembrar, memorizar ou saber definir son habilidades relativas ao coñecemento; transferir o aprendido a outros ámbitos, identificar metáforas e expresións simbólicas, interpretar mensaxes, extrapolar informacións máis aló dos datos concretos, e descubrir tendencias perante fenómenos constantes son capacidades que pertencen á comprensión; diferenciar feitos de hipóteses, interrelacionar ideas, e descubrir relacións recíprocas entre diversos elementos asócianse á análise; expoñer de xeito estruturado as ideas, elaborar hipóteses ou modificalas consonte aos datos, xeneralizar e representar simbolicamente o que se afirma pertencen á síntese; e axuizar a precisión dun exame, descubrir erros lóxicos nunha exposición, e comparar teorías e feitos diferenciados son habilidades asociadas á avaliación.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bloom, B. (ed.) 1979. A Taxonomy of Educational Objectives. Handbook 1, Cognitive Domain. New York: McKay. 2nd edition.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Taxonomía de Bloom
Inglés: 
Bloom's taxonomy
Francés: 
Taxonomie de Bloom
Alemán: 
Bloom-Taxonomie
Italiano: 
Tassonomia de Bloom
Portugués: 
Taxonomia de Bloom
Ruso: 
Таксономия Блума
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/taxonomia-bloom, con data de acceso 15/10/2024).