Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Materiais didácticos

Definición:

Tamén materiais de ensino.

Libros e documentos, obxectos e instrumentos en xeral que se empregan no proceso de ensino, ben sexa a modo de apoio ou como soporte básico do mesmo. Entre estes atópanse os libros de texto ou de lectura, os dicionarios, os pósteres, debuxos, cartóns, realia, cintas e reprodutores de audio ou vídeo, computadores, etc. En concreto, os materiais de ensino cumpren as seguintes funcións:

  1. contextualizan os contidos que se van ensinar por medio de actividades ou tarefas de clase para as que se dispón dun tempo determinado; e
  2. fan explícitos os obxectivos de aprendizaxe no día a día.

É necesario sinalar, ademais, que algúns materiais se deseñan sobre a base de que a aprendizaxe a inicia e controla o profesor en todo momento, mentres que outro tipo de materiais se preparan para que o alumno traballe só, sen a presenza física do docente ou coa axuda doutros alumnos, do mesmo xeito que ocorre na autoaprendizaxe.

Tradicionalmente, os libros e o material impreso en xeral viñéronse empregando como medio didáctico básico, aínda que na actualidade os avances tecnolóxicos permiten a introdución na aula de medios audiovisuais e informáticos e o desenvolvemento de programas de estudo baseados en teorías de aprendizaxe centradas no alumno, como os programas de estudo de acceso directo ou a aprendizaxe de linguas asistida por computador e os materiais de ensino multimedia. De todos os xeitos, o seu uso non é excluínte e á hora de deseñar unha programación sempre poden combinar distintos tipos de materiais. Isto permite un enfoque didáctico que facilita o ensino das catro destrezas lingüísticas e posibilita un maior achegamento do alumno ao novo idioma e á súa cultura. Para rematar, é preciso destacar o feito de que as distintas metodoloxías do ensino de linguas estranxeiras teñen visións distintas das funcións e das formas concretas que han de adoptar os materiais no proceso de ensino-aprendizaxe.

Pódense empregar materiais xa existentes no mercado (libros de texto, cursos de lingua), material auténtico ou unha combinación dos dous tipos. Nalgúns casos, pódense empregar os materiais que substitúan o profesor e fomenten a autonomía do alumno.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Candlin, C. N. & Breen, M. P. 1979. "Evaluating and Designing Language Teaching Materials". Lancaster Practical Papers in English Language Education 2: 172-216.

Nunan, D. 1989. Designing Tasks for the Communicative Classroom. Cambridge: Cambridge University Press.

Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Materiales didácticos
Inglés: 
Teaching materials
Francés: 
Matériels didactiques
Alemán: 
Lehrmaterialien
Italiano: 
Materiali didattici
Polaco: 
Materiały szkoleniowe
Portugués: 
Materiais didáticos
Ruso: 
Учебный материал
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/materiais-didacticos, con data de acceso 19/04/2025).