Dickinson, L. 1987. Self-Instruction in Language Learning. Cambridge: Cambridge University Press.
Termo que fai referencia a aquelas situacións nas que os alumnos traballan de xeito totalmente independente recibindo certa axuda dun profesor, monitor ou titor. Concede grande importancia ao desenvolvemento das capacidades de aprendizaxe do discente e a adquisición por parte deste de técnicas de estudo efectivas que poida empregar noutras áreas de coñecemento distintas do estudo de linguas. Este método fai fincapé no feito de que o importante no proceso de aprendizaxe é aprender a aprender e que dito proceso non debe restrinxirse aos límites da aula, senón que a aula debe servir como punto de partida na que se adestre ao aprendiz para que este poida seguir adquirindo coñecementos pola súa conta. O alumno debe aprender a:
- adquirir responsabilidades con respecto á súa educación;
- poñerse obxectivos de aprendizaxe e cumprilos;
- seleccionar o material de estudo;
- coñecer as súas necesidades, as súas capacidades e o nivel de dominio das distintas destrezas así como outros factores que poidan influír na súa aprendizaxe;
- descubrir cales son as estratexias de aprendizaxe máis efectivas para el; e finalmente,
- valorar/autoavaliar o seu traballo.
O discente pode traballar só, en parellas ou en grupo, sen ser controlado por un docente, ou cun monitor-titor que o dirixa, aconselle e axude nos seus progresos.
A autoaprendizaxe é un aspecto da personalización, sendo o seu obxectivo principal implicar a cada alumno no proceso de aprendizaxe e outorgarlle un papel máis activo dentro do mesmo.
Ellis, G. & Sinclair, B. 1990. Learning to Learn English. Cambridge: Cambridge University Press.
Geddes, M. & Sturtridge, G. 1982a. Individualisation. Oxford: Modern English Publications.
Sheerin, S. 1991. Self-Access. Oxford: ELBS with Oxford University Press.