Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Aprender a aprender

Definición:

Aproximación ao ensino en xeral que destaca a importancia do discente no proceso educativo e pon unha énfase especial en ensinar ao alumno a aprender sen a presenza física do profesor. Se durante moito tempo as teorías pedagóxicas se preocuparon fundamentalmente polas técnicas de ensino, é dicir, por como lograr un ensino máis efectivo e de mellores resultados, nas últimas décadas o alumno converteuse na peza clave do proceso de ensino-aprendizaxe; é o que se coñece como o currículo centrado no alumno. En liña co anterior, son varios os especialistas que defenden a teoría de que non é suficiente con ensinar contidos e habilidades, senón que tamén debemos proporcionar as ferramentas e os instrumentos necesarios para que os alumnos sexan capaces de aprender por si mesmos.

Aínda que se puidese ter a impresión de que, de acordo con esta filosofía, o profesorado pasa a ter unha función máis ben secundaria, iso non é así. Nesta corrente pedagóxica o docente adquire e desempeña roles novos (organizador da aprendizaxe, coordinador, asesor, fonte de materiais) e a súa actividade é fundamental. Para o alumno, aprender a aprender implica:

  1. ser consciente das experiencias e coñecementos previos dos que parte;
  2. desenvolver un plan persoal de traballo;
  3. diagnosticar as súas necesidades de aprendizaxe e os seus puntos débiles;
  4. adquirir un estilo de aprendizaxe persoal; e, para rematar,
  5. evitar os bloqueos que poidan interferir na aprendizaxe.

De acordo coas propostas baseadas no construtivismo social de J. S. Bruner, o desenvolvemento desta capacidade permítelle ao alumno aplicar o que se aprendeu nun contexto dado a outro diferente. Trátase, xa que logo, de que o aprendido se prolongue durante toda a vida do estudante e lle permita adaptarse a novas situacións laborais e sociais nun mundo cambiante.

No campo concreto do ensino de linguas estranxeiras, todos estes principios traducíronse en programas específicos de adestramento do alumnado no uso de estratexias de aprendizaxe para converterse en aprendices máis autónomos.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bruner, J. S. 1972. Hacia una teoría de la instrucción. México: Uteha, D.L. 1ª edición en español.

Bruner, J. S. 1978. El proceso mental en el aprendizaje. Madrid: Narcea.

Oxford, R. L. 1990. Language Learning Strategies. What Every Teacher Should Know. Rowley, Mass.: Newbury House.

Smith, R. M. 1983. Learning how to Learn. Applied Theory for Adults. Strasbourg: Council of Europe.

Wenden, A. & Rubin, J. (eds.) 1987. Learner Strategies in Language Learning. Englewood Cliffs, N J: Prentice Hall.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Aprender a aprender
Inglés: 
Learning to learn
Francés: 
Apprendre à apprendre
Alemán: 
Lernen lernen
Italiano: 
Apprendere ad apprendere
Polaco: 
Uczenie się uczyć
Portugués: 
Aprender a aprender
Ruso: 
Обучение обучению
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/aprender-aprender, con data de acceso 27/04/2024).