Hockett, C. F. 1958. A Course in Modern Linguistics. New York: Macmillan.
Tamén ontoxénese.
Termo tomado da Bioloxía que fai referencia ao estudo do desenvolvemento e evolución condutual e cognitiva do individuo ao longo da súa vida, fronte á filoxenia, que se ocupa dos mesmos aspectos, pero desde o punto de vista do cambio histórico dunha sociedade. No ámbito da lingüística, o estudo da evolución das capacidades lingüísticas nun individuo coñécese como ontoxenia, fronte ao estudo do desenvolvemento histórico da lingua nunha comunidade de falantes, que se coñece como filoxenia. Ambos son aspectos da lingüística diacrónica, aínda que os termos proceden da Bioloxía.
A ontoxenia centrouse sobre todo na análise do desenvolvemento da linguaxe na infancia, as distintas etapas polas que os nenos pasan ao longo do proceso de adquisición / aprendizaxe da lingua, a gramática específica que posúen nos distintos niveis do seu desenvolvemento e as características dos seus distintos compoñentes no plano morfolóxico, sintáctico, fonolóxico e léxico (adquisición do vocabulario). A filoxenia ocúpase principalmente do estudo do cambio lingüístico ao longo da historia dunha lingua determinada. Na actualidade, existe grande interese entre os lingüistas a cuestión de se a ontoxenia lingüística do neno mostra estadios similares a aqueles polos que pasou a lingua no seu desenvolvemento histórico, é dicir, se a ontoxenia e a filoxenia son procesos equiparables a distinta escala.