Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Linguaxe infantil

Definición:

linguaxe utilizada durante a infancia, é dicir, mentres o neno está aprendendo a súa lingua materna. En termos xerais, os diversos estudos realizados sobre o tema apuntan a que, unha vez superada a fase de prelinguaxe (primeiros sons e balbucidos), ao redor dos 10 meses, os nenos comezan a desenvolver as súas capacidades lingüísticas atravesando distintas etapas, nas que as súas producións posúen características propias e distintas das da linguaxe dos adultos en todos os niveis (sintáctico, semántico, léxico e fonolóxico). Así, por exemplo, na etapa holofrástica (10-18 meses), os nenos empezan a producir palabras illadas pertencentes a campos semánticos da súa contorna (familia, comida, xoguetes, etc.). As devanditas palabras tenden a adquirir o valor semántico de frases ou oracións (por exemplo, un neno pode dicir simplemente papá para comunicar o mesmo concepto que expresaría coa frase a cadeira de brazos de papá e a oración aquí vén papá. Nesta etapa e a seguinte son frecuentes as hiperxeneralizacións de significados, é dicir, a utilización dunha palabra para nomear distintos referentes entre os que se perciben trazos comúns; por exemplo, o uso da palabra inglesa moon (“lúa”) para referirse á lúa, a un cuarteirón de limón ou aos cornos dunha vaca. No entanto, a dependencia infantil inicial con respecto á contorna física e ao contexto inmediato orixina tamén o fenómeno contrario, isto é, a restrición dos referentes categorizados baixo un mesmo elemento léxico; por exemplo, un neno pode utilizar a palabra inglesa doggy (“cachorro, cadelo”) para referirse ao seu xoguete, pero non a un animal. Na etapa das dúas palabras (18-24 meses) empézanse a combinar elementos léxicos simples (por exemplo, en galego mamá, aba para dicir mamá, quero auga) omitindo marcas morfolóxicas e sintácticas; en inglés, por exemplo, adóitase eliminar a marca do xenitivo en frases como mommy sock (“o calcetín de mamá”). Finalmente, a partir da etapa telegráfica (24-36 meses) os nenos comezan a producir oracións de modo máis creativo e menos repetitivo (o cal demostra que a aprendizaxe da lingua non ten lugar simplemente como resultado dun proceso de imitación da linguaxe dos adultos). As devanditas oracións permiten xa unha análise sintáctica, aínda que adoitan carecer de palabras funcionais ou gramaticais (preposicións, conxuncións, etc.).

En relación coa aprendizaxe da lingua materna, é importante salientar que os nenos desenvolven o seu propio sistema de regras, que axustan e modifican a medida que o seu nivel cognitivo lles permite asimilar os criterios en que se basea o sistema dos adultos. Dese xeito, a linguaxe infantil exhibe trazos distintivos, tales como:

  1. a simplificación de estruturas sintácticas, por exemplo, en inglés, I'm tired to carry the dollies (“Estou cansa para levar as bonecas”) en lugar de I'm too tired to carry the dollies (“Estou demasiado cansa para levar as bonecas”);
  2. o uso de palabras diferentes como, por exemplo, babau, en lugar de can, en galego); ou
  3. a tendencia á xeneralización, especialmente evidente na regularización de formas verbais como, por exemplo, utilizar goed en lugar de went (“foi”) ou sticked en lugar de stuck (“pegado”) en inglés, ou cabeu por coubo ou diciu por dixo en galego.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Aldridge, M. 1996. Child Language. Clevedon: Multilingual Matters.

Bennett Kastor, T. 1988. Analysing Children’s Language. Oxford: Blackwell.

Fletcher, P. & Garman, M. (eds.) 1979. Language Acquisition. Cambridge: Cambridge University Press.

Fletcher, P. & McWhinney, B. 1995. The Handbook of Child Language. Oxford: Blackwell.

Peccei, J. S. 1994. Child Language. London: Routledge and Kegan Paul.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Lenguaje infantil
Inglés: 
Child language
Francés: 
Langage enfantin
Alemán: 
Kindersprache
Italiano: 
Langage enfantin
Portugués: 
Linguagem infantil
Ruso: 
Детский язык
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/linguaxe-infantil, con data de acceso 06/12/2024).