Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Enfoque natural

Definición:

Termo comunmente utilizado para englobar varios métodos de ensino de linguas desenvolvidos a finais do século XIX como reacción ao método da gramática e a tradución. Estes métodos facían especial fincapé en:

  1. a importancia dada á lingua falada e á fonética;
  2. a presentación do léxico e as estruturas nun contexto, e non en forma de oracións illadas;
  3. o ensino da gramática de forma indutiva;
  4. a idea de que o ensino de linguas estranxeiras ha de seguir os principios naturais da adquisición da primeira lingua.

Método de ensino de linguas concibido por Krashen e Terrel (1983) e inspirado no método directo. A súa base teórica deriva das investigacións de Krashen sobre a adquisición das segundas linguas e baséase nos seguintes principios:

  1. a distinción entre adquisición (en inglés, acquisition) e aprendizaxe (en inglés, learning);
  2. a hipótese da orde natural;
  3. a hipótese do monitor;
  4. a hipótese do aducto;
  5. a hipótese do filtro afectivo.

As súas características máis importantes son as seguintes:

  1. Teoría da lingua. A esencia da lingua é o significado, de aí a importancia que se lle ha de dar ao vocabulario.
  2. Teoría da aprendizaxe. Prímase a adquisición (un proceso inconsciente e natural) sobre a aprendizaxe (un proceso consciente por parte do discente).
  3. Obxectivos. Preséntanse aos estudantes principiantes e de nivel intermedio as destrezas comunicativas básicas.
  4. programa. Selección de actividades comunicativas e de tarefas que se derivan das necesidades e intereses do alumnado.
  5. Actividades. Aquelas que requiran un aducto comprensible dun nivel lixeiramente máis alto que o que xa posúe o alumnado (i +1). As actividades deben estar orientadas cara ao significado, non cara á forma.
  6. Papel do alumnado. Os estudantes só deben realizar actividades que impliquen a comunicación na lingua meta.
  7. Papel do profesor. O docente é a fonte do aducto comprensible, debe crear un clima de baixa ansiedade e deseñar actividades comunicativas variadas.
  8. Papel dos materiais didácticos. Deben ter como orixe materiais reais, non libros de texto, e han de promover a comprensión e a comunicación.
Bibliografía: 

Krashen, S. D. & Terrel, T. D. 1983. The Natural Approach: Language Acquisition in the Classroom. Hayward, CA: The Alemany Press.

Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.

Sánchez Pérez, A. 2009. La enseñanza de idiomas en los últimos 100 años. Métodos y Enfoques. Madrid: SGEL.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enfoque natural
Inglés: 
Natural approach
Francés: 
Approche naturelle
Alemán: 
Natural Approach
Italiano: 
Approccio naturale
Polaco: 
Podejście naturalne
Portugués: 
Abordagem natural
Ruso: 
Естественный подход
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/enfoque-natural, con data de acceso 15/09/2024).