Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Hipótese do monitor

Definición:

Krashen (1981) distingue entre os conceptos de adquisición e aprendizaxe. A primeira ten lugar a través dunha comunicación natural na que o falante se preocupa pola emisión e comprensión das mensaxes. O ensino das regras e a corrección de erros non son relevantes neste caso. A segunda, con todo, é un proceso consciente no que a corrección de erros e as regras axudan ao aprendiz. De acordo con esta teoría, os enunciados son iniciados polo sistema adquirido e o sistema aprendido só se pon en funcionamento cando os aprendices controlan, regulan ou monitorizan o resultado da produción lingüística a través dun mecanismo que Krashen denomina monitor. Así mesmo, de acordo co anterior, distínguense dous tipos de coñecemento: un coñecemento adquirido e un coñecemento aprendido. O coñecemento adquirido soamente pode desenvolverse cando a atención do aprendiz se centra na comunicación da mensaxe e, de acordo con Krashen, nin a práctica nin a corrección de erros permiten que o coñecemento aprendido se converta en adquirido. Existen tres condicións para o uso do monitor:

  1. o estudante ha de ter tempo; nunha conversa normal non hai tempo suficiente para pensar, polo que o monitor non é aplicable;
  2. o estudante debe fixarse na forma máis que no contido; e, para rematar,
  3. o estudante debe coñecer a regra correspondente.
Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Ellis, R. 1994. The Study of Second Language Acquisition. Oxford: Oxford University Press.

Krashen, S. D. 1981. Second Language Acquisition and Second Language Learning. Oxford: Pergamon Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Hipótesis del monitor
Inglés: 
Monitor hypothesis
Francés: 
Hypothèse du moniteur
Alemán: 
Monitor-Hypothese
Italiano: 
Ipotesi del monitor
Polaco: 
Hipoteza monitora
Portugués: 
Hipótese do monitor
Ruso: 
Гипотеза редактора
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/hipotese-monitor, con data de acceso 24/03/2025).