Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Variable

Definición:

En investigación estatística, unha variable é unha propiedade que se pode estudar e que pode cambiar ao longo dun período de tempo e/ou entre individuos, por exemplo, a motivación, o dominio da L2, a intelixencia ou o sexo. Dentro do ensino de linguas, a investigación oriéntase cara á identificación, observación e manipulación das variables que inflúen ou poden influír no proceso de aprendizaxe. Existen distintos tipos de variables:

  1. Variables independentes. Son as condicións que o investigador controla e modifica para determinar o efecto deses cambios nas variables dependentes. Por exemplo, as horas de instrución dunha L2 ou o método de ensino empregado son variables independentes que poden afectar á puntuación nunha proba de L2. Poden ser variables de tipo nominal, ordinal ou de intervalo.
  2. Variables dependentes. Obsérvanse e mídense para determinar o efecto que producen nelas as variables independentes. Por exemplo, se se desexa estudar como afectan a actitude e mais a motivación ao coñecemento lingüístico, este actuaría como variable dependente, mentres que a actitude e a motivación serían as variables independentes. Normalmente son de tipo ordinal ou de intervalo. En análise de regresión, a influencia dos cambios que teñen lugar nunha o máis variables independentes sobre a variable dependente exprésanse a través de funcións. En investigación educativa, a variable dependente por excelencia é o rendemento académico.
  3. Variables de control. Son un tipo de variables externas que os investigadores deciden neutralizar, eliminar ou manter constantes para que non afecten á relación entre as variables dependentes e independentes. Por exemplo, para estudar a relación entre as horas de instrución na L2 e o dominio lingüístico alcanzado por un grupo de estudantes, ao investigador pode interesarlle controlar os efectos do coñecemento previo da L2 (variable de control) eliminando da mostra a aqueles estudantes que o posúan.

Dependendo da natureza dos datos, existen variables cualitativas ou cuantitativas; as segundas poden ser á súa vez continuas (toman calquera valor dun dominio, por exemplo, o cociente de intelixencia) ou discretas (só poden tomar certos valores, por exemplo, o número de estudantes). Para rematar, as variables nominais, ordinais, de intervalo e de proporción son aquelas que constan de datos organizados consonte ás escalas de medida correspondentes. É importante determinar o tipo de variable coa que se opera, xa que isto pode influír no método estatístico que cómpre utilizar (por exemplo, unha proba paramétrica ou unha proba non paramétrica).

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bisquerra Alzina, R. 1989. Métodos de investigación educativa. Guía práctica. Barcelona: CEAC.

Brown, J. D. 1988. Understanding Research in Second Language Learning: A Teacher’s Guide to Statistics and Research Design. Cambridge: Cambridge University Press.

Butler, C. 1985. Statistics in Linguistics. Oxford: Blackwell.

Eddington, D. 2015. Statistics for Linguists: a Step-by-Step Guide for Novices. Newcastle upon Tyne: Cambridge Scholars Publishing.

Lowie, W. & Seton, B. 2013. Essential Statistics for Applied Linguistics. London: Palgrave.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Variable
Inglés: 
Variable
Francés: 
Variable
Alemán: 
Variable
Italiano: 
Variabile
Portugués: 
Variável
Ruso: 
Переменная
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/variable, con data de acceso 10/12/2024).