Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Intelixencia

Definición:

Este termo fai referencia á capacidade cognitiva de aprendizaxe e comprensión do individuo. Con todo, non hai acordo unánime entre os especialistas á hora de precisar o significado concreto deste concepto dada a súa complexidade, xa que este constructo engloba un amplo abano de nocións e aspectos teóricos. Durante o século XIX Herbert Spencer e Francis Galton, así como outros psicólogos e neurólogos, abordaron a definición deste concepto falando dunha “capacidade cognitiva xeral que probablemente dependía do número e complexidade das conexións e da organización das células nerviosas na cortiza cerebral” (Sternberg e Detterman, 1982). Pénsase que a intelixencia non só fai referencia á arquitectura e aos mecanismos mentais básicos, senón tamén a outro tipo de factores cognitivos e de motivación. Cara a finais do XIX, e principios do XX, xorde a preocupación polo estudo psicolóxico (e científico) da intelixencia en relación co ensino e a aprendizaxe. A partir de entón, este estudo baseouse principalmente no desenvolvemento e a análise de diversos instrumentos de medición das capacidades cognitivas do individuo coñecidos como tests de intelixencia. As investigacións levadas a cabo en función do emprego dos devanditos instrumentos deron lugar á formulación de diversas teorías acerca da noción de intelixencia, a existencia ou non de tal capacidade, as súas características e compoñentes, os métodos e a técnica de estudo dos mesmos, etc. As teorías de Sternberg e Gardner son dúas das máis coñecidas.

Algúns especialistas na adquisición de segundas linguas (Genesee, 1976; Ekstrand, 1977) investigaron a posible correlación entre a intelixencia e o éxito na aprendizaxe da segunda lingua. Os resultados non son en absoluto concluíntes, aínda que se atisba nalgúns casos algún tipo de relación directa entre este factor e determinados aspectos no estudo da lingua, tales como a gramática, o vocabulario e a comprensión escrita. Así mesmo, os resultados obtidos apuntan a unha maior incidencia da intelixencia en contextos de clase, é dicir, de instrución formal, máis que nunha situación de adquisición natural. 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Ekstrand, L. 1977. “Social and Individual Frame Factors in L2 Learning: Comparative Aspects”, in Skutnabb-Kangas, T. (ed.). Papers from the First Nordic Conference on Bilingualism. Helsingfors: University of Helsingfors, pp. 40-61.

Gardner, H. 1983. Frames of mind: The theory of multiple intelligences. New York: BasicBooks.

Genesee, F. 1976. “The Role of Intelligence in Second Language Learning.” Language Learning 26: 267-280.

Sternberg, R. J. & Detterman, D. K. 1982. How and How Much Intelligence can Be Increased. Norwood, NJ: Ablex Pub. Corp.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Inteligencia
Inglés: 
Intelligence
Francés: 
Intelligence
Alemán: 
Intelligenz
Italiano: 
Intelligenza
Polaco: 
Inteligencja
Portugués: 
Inteligência
Ruso: 
Интеллект
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/intelixencia, con data de acceso 15/10/2024).