Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Intelixencia Artificial (IA)

Definición:

Unha Intelixencia Artificial (IA) é un sistema deseñado para realizar tarefas que requiren intelixencia humana, como recoñecer patróns ou resolver problemas. No ensino de linguas, pode facilitar a aprendizaxe personalizada, adaptar contidos ou avaliar respostas (por exemplo, a plataforma Duolingo). A Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX) é capaz de crear textos, imaxes ou diálogos a partir de instrucións, o que permite xerar exemplos, simular conversacións ou corrixir textos (como fai o asistente Claude).

A IA está a transformar a aprendizaxe de linguas estranxeiras ao ofrecer ferramentas personalizadas, útiles tanto na aula como para a autoaprendizaxe. Plataformas como Duolingo adaptan o contido ao nivel do estudante, e ferramentas com ChatGPT, DeepL Write, Write & Improve (Cambridge) ou QuillBot permiten practicar a escritura ofrecendo correccións automáticas, suxestións de estilo e retroalimentación inmediata. Por exemplo, se un estudante escribe “I very like this book”, estas ferramentas detectarán o erro e suxerirán. “I really like this book”. Poden usarse para tarefas de revisión textual, lectura crítica ou resumo asistido, onde o alumnado compara as súas versións coas propostas pola IA.

Para a expresión oral, ferramentas como ChatGPT poden simular conversacións en diferentes contextos (cafetería, entrevista de traballo), actuando como interlocutores ou titores. O estudante pode pedir correccións, suxestións ou explicacións gramaticais. Aplicacións como Tandem e HelloTalk permiten a interacción con falantes reais e inclúen funcións de corrección automática e tradución. ELSA Speak analiza a pronunciación, detecta erros fonéticos específicos e propón exercicios correctivos (por exemplo, pode corrixir a pronunciación errónea do fonema /ð/ en “the”), e TalkPal AI é un chatbot (asistente de conversación ou axente conversacional) que permite manter conversas orais, elixindo nivel, tema e tipo de retroalimentación.

O profesorado tamén pode usar estas ferramentas para deseñar materiais didácticos, avaliar tarefas ou adaptar textos a distintos niveis. Asistentes como ChatGPT, Claude ou Gemini son capaces de xerar preguntas de comprensión e reformular textos de acordo co nivel requirido. Textivate permite crear actividades interactivas a partir de textos,Diffit adapta lectura a diferentes niveis, e ferramentas como MagicSchool AI e Eduaide.ai poden xerar RÚBRICAS, programacións de aula e materiais adaptados para alumnado con necesidades especiais. Para revisar producións escritas, Write & Improve e Grammarly proporcionan correccións formativas e suxestións específicas.

O uso da IA no ámbito educativo xera dilemas éticos e pedagóxicos. É importante empregala de xeito crítico e fundamentado, e entender que estas ferramentas non substitúen a interacción humana nin captan todas as sutilezas da linguaxe. Ademais, cómpre ter en conta aspectos como a privacidade dos datos, o prexuízo algorítmico e a dependencia tecnolóxica. Por iso, é fundamental integrar a IA como apoio dentro de enfoques comunicativos e pedagóxicos sólidos, fomentando un uso crítico e creativo por parte do alumnado.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Crompton, H., Edmett, A., Ichaporia, N. & Burke, D. 2024. "AI and English language teaching: Affordances and challenges". British Journal of Educational Technology 55: 2503-2529.

Fryer, L. K., Coniam, D., Carpenter, R. & Lăpușneanu, D. 2020. "Bots for language learning now: Current and future directions". Language Learning & Technology 24/2: 8-22.

Guadalupe Bravo, L. O., Armas Pesantez, P. R., Barriga Fray, L. F. & Maldonado León, A. E. 2024. "La inteligencia artificial aplicada a la enseñanza del idioma inglés como lengua extranjera". Polo del Conocimiento 9/8: 2791-2806.

Muñoz-Basols, J. & Fuertes Gutiérrez, M. 2024. "Oportunidades de la Inteligencia Artificial (IA) en la enseñanza y el aprendizaje de lenguas", en Muñoz-Bassols, J., Fuertes Gutiérrez, M. & Cerezo, L. (eds). La enseñanza del español mediada por tecnología. Londres & Nueva York: Routledge, pp. 343-365.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Inteligencia Artificial (IA)
Inglés: 
Artificial Intelligence (AI)
Francés: 
Intelligence Artificielle (IA)
Alemán: 
Künstliche Intelligenz (KI)
Italiano: 
Intelligenza Artificiale (IA)
Portugués: 
Inteligência Artificial (IA)
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/intelixencia-artificial-ia, con data de acceso 15/12/2025).