Barrueco, S., Hernández, E. & Sierra, L. (eds.) 1996. Lenguas para fines específicos: Investigación y enseñanza. Alcalá de Henares: Universidad de Alcalá.
Función que exerce a segunda lingua naqueles cursos ou programas nos que o ensino da lingua (obxectivos, técnicas e actividades), os contidos lingüísticos e mailos contidos semánticos están orientados cara a un obxectivo concreto en función das necesidades do alumno.
A segunda lingua para fins específicos xurdiu como resultado dos cambios que se produciron no eido da lingüística desde o comezo do século xx (o desenvolvemento de dous novos paradigmas de gran relevancia dentro da investigación lingüística: o xenerativista e o da pragmática) en consonancia coa formulación e evolución de novas teorías no eido da psicoloxía e a pedagoxía, disciplinas estreitamente relacionadas coa anterior.
Segundo Kennedy e Bolitho (1984), o ensino da segunda lingua para fins específicos xorde da análise dos obxectivos e necesidades do alumno (⇒ análise de necesidades) e mais da orientación comunicativa do ensino de linguas. Deste xeito, nos programas de ensino do alemán / español / francés / galego / inglés / italiano para fins específicos, os contidos, a práctica das destrezas (tanto de comprensión coma de produción oral e escrita) e os obxectivos (⇒ obxectivo 2) adáptanse ás necesidades de aprendizaxe e ás metas concretas que desexa acadar o alumno. Polo tanto, os programas de segundas linguas para fins específicos abranguen aspectos de gramática moi concretos e vocabulario especializado (relativo a diferentes profesións, áreas de estudo ou eidos de investigación), e sérvense de material didáctico específico (en función dos intereses do alumno) e de actividades dirixidas ao desenvolvemento daquelas destrezas que máis precisa o alumno. En tódolos casos é obrigatoria a selección de contidos axeitados (tanto lingüísticos como relativos á área de estudo específica do alumnado), e en ocasións cómpre restrinxir as destrezas lingüísticas impartidas, atendendo ás máis necesarias segundo a situación. Nese sentido oponse ao termo segunda lingua para fins xerais, que se emprega para designar á segunda lingua que se imparte como asignatura dentro dos currículos de ensino primario e secundario.
O alemán / español / francés / galego / inglés / italiano para fins específicos pertence ao eido do ensino destas linguas como segunda lingua ou lingua estranxeira, que á súa vez se subdivide en diferentes ramas segundo a área específica coa que estea relacionada a segunda lingua ou lingua estranxeira. As principais ramas da segunda lingua para fins específicos son a segunda lingua para fins profesionais, a segunda lingua para fins académicos e a segunda lingua científica e tecnolóxica.
En canto aos roles do profesor e do alumno, neste tipo de ensino cómpre ter en conta o feito de que na meirande parte dos casos os estudantes son adultos; isto implica que posúen de antemán uns obxectivos e expectativas de aprendizaxe ben definidos, así como unha motivación de natureza instrumental (ven o idioma como medio para acadar un certo fin práctico). O profesorado, pola súa banda, deberá ter moi en conta en todo momento as necesidades e expectativas dos seus alumnos, así como os obxectivos que se pretenden acadar ao rematar o curso. Nalgúns casos mesmo se verá obrigado a deseñar o seu propio material de traballo e a familiarizarse coa área concreta na que se estea a aplicar o ensino da segunda lingua, posto que o feito de ter coñecementos desta materia, aínda que sexan mínimos, pode aumentar a efectividade das súas técnicas de ensino.
⇒ segunda lingua para fins profesionais, segunda lingua para fins académicos e segunda lingua científica e tecnolóxica.
Hutchinson, T. & Waters, A. 1987. English for Specific Purposes. Cambridge: Cambridge University Press.
Hutchinson, T. & Waters, A. 2010. English for Specific Purposes: A learning-centred approach. Cambridge: Cambridge University Press.
Kennedy, C. & Bolitho, R. 1990. English for Specific Purposes. London: Macmillan. 1st edition (reprint).
Paltridge, B. & Starfield, S. 2013. The handbook of English for Specific Purposes. London: Wiley
Robinson, P. 1980. English for Specific Purposes. Oxford: Pergamon Press.
Strevens, P. 1980. Teaching English as an International Language: From Practice to Principle. Oxford: Pergamon Press.