Baker, D. 1989. Language Testing: A Critical Survey and Practical Guide. London: Edward Arnold.
Utilizar un exame, unha proba ou outros medios para formular un xuízo sobre os coñecementos, destrezas e competencia dunha persoa sobre unha área determinada. Na clase de lingua estranxeira o alumnado está constantemente comprobando e analizando distintas hipóteses sobre as formas lingüísticas da lingua e as súas funcións, e neste sentido está a examinar a súa competencia comunicativa. Tamén o profesor formula xuízos sobre o comportamento lingüístico do seu alumnado, unhas veces de modo informal e intuitivo, e outras de xeito máis controlado. Á hora de examinar convén facelo seguindo unha serie de criterios. Debe realizarse de forma:
- práctica: o exame debe ser fácil de aplicar e corrixir;
- fiable: o mesmo exame posto a unha persoa en dous momentos distintos pero próximos no tempo debería presentar os mesmos resultados; e
- válida: a proba debe medir realmente o que di medir.
A práctica de examinar interactúa con outros aspectos do ensino e a aprendizaxe de linguas. Entre outros, podemos mencionar os seguintes:
- o deseño de curso, xa que os obxectivos dun curso de estudos se deben reflectir nos contidos e formato do propio exame;
- a metodoloxía, posto que os distintos tipos de probas han de reflectir o enfoque e o método particular utilizado no curso;
- a análise de necesidades, ao facerse necesaria a existencia dunha estreita relación entre as situacións nas que se vai utilizar a lingua, o curso de ensino e a forma de examinar ao alumnado; e finalmente,
- a repercusión ou efecto do propio exame sobre a metodoloxía de ensino.