Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Reforma educativa

Definición:

Proceso que pretende adaptar a realidade da práctica educativa aos cambios sociais, políticos e culturais da colectividade mediante a introdución de modificacións e innovacións a maior ou menor escala (⇒ innovación educativa). As reformas dun sistema educativo poden ser globais (macroreformas), ou sectoriais (microreformas): as primeiras afectan a todo o conxunto, e promoven un cambio no concepto de educación e na organización e estrutura do sistema escolar, mentres que as segundas afectan unicamente a algún elemento do sistema (profesorado, avaliación, currículo, etc.). No caso español, o sistema educativo experimentou dúas reformas globais e xa está en marcha unha terceira sempre reguladas por marcos legais desde a denominada Lei Moyano (1857), que establecía o ensino primario obrigatorio (aínda que non gratuíto) ata os 14 anos; a esa idade era posible pasar do Bacharelato Elemental ao Superior mediante unha proba coñecida como reválida, e posteriormente acceder á Universidade, ou ben incorporarse ao mundo laboral. A primeira modificación do sistema produciuse en 1970 coa Lei Xeral de Educación (LGE), que establecía un período de ensino obrigatorio e gratuíto desde os 6 ata os 14 anos (EXB ou Educación Xeral Básica). Ao rematar a mesma, o alumno podía elixir entre dúas opcións dentro do Ensino Medio (xa non obrigatorias nin gratuítas): por unha banda, os cursos de Formación Profesional (FP 1 e 2), e por outro, tres cursos de Bacharelato (BUP ou Bacharelato Unificado Polivalente). O ingreso na Universidade producíase unha vez superados o Curso de Orientación Universitaria (COU) e as Probas de Acceso á Universidade (PAAU).

A segunda modificación do sistema tería xa lugar ao amparo da Constitución de 1978, mediante a entrada en vigor de tres Leis Orgánicas: a LODE (1975), a LRU (1983), e a LOXSE (1990); esta última supón, entre outros cambios, a ampliación do ensino obrigatorio e gratuíta ata os 16 anos.

O obxectivo fundamental da Reforma é a reestruturación do ensino en todos os seus niveis, a fin de liquidar certos problemas que expuña o anterior sistema regulado pola LXE. Deste xeito, as razóns que impulsaron a transformación do sistema educativo español pódense clasificar en varios tipos en función dos seus obxectivos:

  1. Razóns políticas. Por unha banda, preténdese adaptar a educación ao actual sistema democrático, fomentando a autonomía de centros e docentes, e a participación activa de pais e alumnado; doutra banda, perséguese achegar a educación á nova ordenación do Estado español en comunidades autónomas, así como ao contexto europeo.
  2. Razóns laborais e económicas. Preténdese superar o desequilibrio entre os coñecementos impartidos na escola e a cualificación esixida no mundo laboral, así como o desfasamento entre o termo da educación obrigatoria (14 anos) e a incorporación ao mercado do traballo (16 anos).
  3. Razóns socioculturais. Búscase mellorar o nivel cultural da poboación mediante a ampliación dos anos de escolarización obrigatoria, e adecuar a educación ao progreso experimentado en todas as ramas do saber.
  4. Razóns psicopedagóxicas. Aspírase a diminuír o índice de fracaso escolar na EXB e a FP, e a mellorar a calidade do ensino. Por outra banda, preténdese redefinir o papel do profesor, e adaptar o ensino ás características do alumnado e a certos principios de aprendizaxe, como a globalización, a interdisciplinariedade ou a adquisición de coñecementos significativos.

A terceira reforma que está en marcha enmárcase legalmente na aprobación da LOU en decembro de 2001, a LOCE en 2004 e a LOE en 2006.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1991. El Sistema Educativo Español. Madrid: CIDE-MEC.

Rey Chao, M. A. 1991. A Reforma educativa: Contribución a un debate. Santiago de Compostela: Tórculo Edicións.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Reforma educativa
Inglés: 
Educational reform
Francés: 
Réforme éducative
Alemán: 
Bildungsreform
Italiano: 
Riforma educativa
Portugués: 
Reforma educativa
Ruso: 
Образовательная реформа
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/reforma-educativa, con data de acceso 14/09/2024).