Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Innovación educativa

Definición:

Acción que deliberadamente implica cambiar ou renovar algún elemento educativo ou do deseño do currículo co obxecto de mellorar a práctica docente: introducir un novo libro de texto, substituír un método de ensino por outro, adquirir novo material de apoio para a aula (dicionarios, gravadoras, materiais en CD, DVD, etc.). É preciso establecer unha distinción entre cambio e innovación educativa. No primeiro caso, o proceso de cambio prodúcese sen ningún tipo de planificación previa, mentres que no segundo existe un plan predeterminado para levar a cabo. Os procesos de innovación danse:

  1. na preparación dos cambios que se ten intención de facer (en reunións do profesorado, cursos de innovación curricular, etc.);
  2. na planificación de leccións e materiais didácticos;
  3. nas accións levadas a cabo na propia aula (adoptando novos roles e técnicas); e
  4. trala lección (facendo tests, cuestionarios, entrevistas cos estudantes, etc.).

Cómpre sinalar unha serie de factores que afectan ao posible éxito da innovación no currículo:

  1. as condicións existentes, por exemplo, as tradicións pedagóxicas das que se parta;
  2. os trazos que definen as innovacións: complexidade, vantaxes que se derivan das mesmas e facilidade coa que se poden implantar;
  3. os recursos cos que se conta para introducir un novo currículo; e, para rematar,
  4. as persoas implicadas nos cambios curriculares.
Bibliografía: 

Markee, N. 1993. “The Diffusion of Innovation in Language Teaching”. Annual Review of Applied Linguistics 13: 229-243.

Mitchell, S. 1990. Innovation and Reform. Conflicts within Educational Change. North York, Ont.: Captus.

White, R. 1988. The ELT Curriculum. Design, Innovation and Management. Oxford: Blackwell.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Innovación educativa
Inglés: 
Educational innovation
Francés: 
Innovation éducative
Alemán: 
Didaktische Innovation
Italiano: 
Innovazione educativa
Polaco: 
Innowacja edukacyjna
Portugués: 
Inovação educativa
Ruso: 
Образовательные инновации
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/innovacion-educativa, con data de acceso 06/12/2024).