Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Secuencia de presentación-práctica-produción

Definición:

División dunha unidade en distintos períodos ou leccións para o seu ensino. Polo xeral, e de xeito tradicional, unha unidade de ensino de linguas adoita organizarse en tres fases ou etapas principais:

  1. Fase de presentación. Consiste na introducción do material novo polo profesor de xeito que ao alumno lle resulte o máis sinxelo posible comprender os significados. Os novos temas, encamiñados ao desenvolvemento dun certo aspecto da lingua, abranguen novidades tanto no nivel formal coma nos de uso e significado, pero nesta primeira etapa, de carácter introductorio, o profesor presta máis atención á comprensión dos significados, co fin de que os estudantes poidan acceder máis doadamente ás seguintes etapas. Os novos significados pódense presentar mediante demostracións, mímica, xestos, dramatizacións, facendo referencia aos coñecementos que o alumnado adquiriu noutras asignaturas, ou mediante a presentación e comparación de situacións semellantes na L1 e a L2, recorrendo á experiencia do alumno nas devanditas situacións e ao seu coñecemento da realidade. Os alumnos desempeñan un papel activo nesta fase, aínda que non tanto coma o do profesor. Por iso é moi importante atraer e manter a súa atención por medio da formulación de preguntas, o emprego de material auténtico, e xogos que impliquen ao alumno e esperten o seu interese no novo tema.
  2. Fase de manipulación, de repetición ou de práctica controlada

Durante esta etapa o alumno practica aquilo que aprendeu (a nova linguaxe) individualmente, en parellas ou en grupo, pero guiado polo profesor. O obxectivo é consolidar as novas estruturas e o vocabulario, corrixindo e axudando aos estudantes a evitar e emendar os seus erros. Ademais de fixar a forma e a pronuncia dos novos elementos lingüísticos, o profesor reforza os conceptos que o alumno adquiriu durante a primeira etapa para despexar dúbidas e aclarar posibles malas interpretacións. Pouco a pouco, as actividades prácticas realizadas polo alumno pasan a estar menos controladas. Nesta fase adoitan empregarse exercicios de repetición, traballos en parellas ou en grupo que favorecen a interacción e participación activa dos alumnos, e exercicios de baleiro de información.

  1. Fase de produción, de comprensión e desenvolvemento ou de práctica libre

Nesta fase os alumnos traballan pola súa conta, aplicando o que aprenderon ao desenvolvemento das súas capacidades comunicativas (tanto no nivel oral coma no escrito). A práctica lévase a cabo nesta etapa con maior liberdade e escaso control por parte do profesor. O importante agora é aumentar o nivel de confianza dos alumnos nas súas propias capacidades para levar a cabo con éxito as distintas actividades de produción. Estas actividades pódense asemellar ás empregadas na etapa anterior, aínda que teñen distinto enfoque en canto ao papel do profesor (quen se limitará a presentar a actividade deixando que sexa o propio alumno o que decida que recursos lingüísticos vai empregar) e en canto á súa finalidade, que non é de consolidación ou reforzo senón comunicativa ou de produción. Son actividades de práctica libre as dramatizacións e as simulacións, as actividades en grupo ou os xogos comunicativos.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Alburquerque, R., González Bueno, L., Lindström, K., Marín, J., Martín Laborda, P. & Palencia, R. 1991. En el aula de inglés: Metodología práctica para la enseñanza de jóvenes principiantes. Harlow: Longman. 2nd edition.

Matthews, A., Spratt, M. & Dangerfield, L. (eds.) 1985. At the Chalkface. London: Edward Arnold.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Secuencia de presentación-práctica-producción
Inglés: 
Presentation-practice-production sequence
Francés: 
Ordre présentation-pratique-production
Alemán: 
Sequenz Darstellung-Übung-Produktion
Italiano: 
Sequenza presentazione-pratica-produzione
Portugués: 
Sequência apresentação-prática-produção
Ruso: 
Последовательность презентации-практики-продукции
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/secuencia-presentacion-practica-producion, con data de acceso 20/04/2024).