Albericio, J. J. 1991. Educar en la diversidad. Madrid: Bruño.
Medida ordinaria de atención á diversidade que afecta a elementos non prescritivos do currículo. Adoita traducirse nun conxunto de actividades e estratexias destinadas a corrixir as deficiencias ou dificultades de aprendizaxe do alumno. Estas deficiencias, que se manifestan no grao de consecución dos obxectivos previstos para un determinado período (ciclo, curso, trimestre, etc.), poden deberse a diversos factores, por exemplo, a limitacións persoais do alumno (físicas ou psíquicas), ou á súa historia escolar. É por iso que as medidas que se han de adoptar variarán dependendo do tipo e magnitude da carencia ou dificultade, e das causas que a orixinan. Normalmente, estas medidas aplícanse no terceiro nivel de concreción do currículo: así, dentro das unidades didácticas que conforman as programacións de aula, pódese recorrer á diversificación de estratexias, actividades e materiais didácticos, de maneira que mediante vías diferentes todo o alumnado poida acceder aos contidos básicos: por exemplo, utilizar un exercicio de elección múltiple, un texto con ocos en branco e unha dramatización para completar a explicación do pasado simple en inglés.
No entanto, para aqueles casos en que os recursos ordinarios non sexan suficientes, o deseño curricular base contempla tamén medidas específicas máis drásticas, como a permanencia un ano máis no mesmo curso, ou as adaptacións ou reorganizacións curriculares, que consisten en eliminar ou incluír algún obxectivo ou contido, ou ampliar as actividades en determinadas áreas. Este sería o caso, por exemplo, de estudantes con deficiencias auditivas, que non poden traballar ao mesmo ritmo que os demais algúns dos contidos de áreas como a Lingua Estranxeira, e que, pola contra, necesitan a introdución doutros contidos, como os referentes ás linguaxes de signos.
Gurney, R. 1976. Language, Learning and Remedial Teaching. London: Edward Arnold.
MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1989. Diseño Curricular Base. Educación Secundaria Obligatoria. 2 vols. Madrid: MEC.
Molina García, S. 1997. Escuelas sin fracasos. Prevención del fracaso escolar desde la Pedagogía interactiva. Málaga: Aljibe.
Vidal García, J. 1993. Guía para realizar adaptaciones curriculares. Madrid: EOS.